Produtos dos nosos máis preto

Produtos dos nosos máis preto
07 de Setembro, 2022 - 02:31 h. | Publicada por Radio Fene

A oferta de produtos alimentarios enriqueceuse en Fene coa incorporación dun novo supermercado aberto pola cooperativa do Val que elixiu este concello para ampliar a súa rede de produtos de venda. Abriron o seu cuarto establecemento  logo de facer un estudo de mercado e as expectativas non se viron defraudadas nas primeiras semanas de funcionamento. A cooperativa do Val ten outros puntos de venda en Narón e Ferrol. 

ESCOITA O PODCAST:
Imaxe Marta Vazquez

Fene foi o concello que escolleu a cooperativa do Val para continuar a expansión da súa rede de puntos de venda. Este é o cuarto supermercado da cooperativa, que tamén conta con establecementos no Val, en Xubia e en Serantes. Decidiron abrir en Fene, logo de facer un estudo de mercado, e a experiencia veu demostrar que elixiron ben, porque o establecemento situado en Marqués de Figueroa, no mesmo lugar onde antes houbo un Froiz, está a ter moi boa acollida desde a súa apertura o pasado 27 de maio, segundo explicou a Radio Fene a xerente da cooperativa, Marta Vázquez.

O supermercado está aberto a todo o público, non so a cooperativistas, e distínguese pola oferta de produto de proximidade. Produtos de aquí e unha boa relación calidade/prezo, grazas á capacidade que ten a cooperativa de establecer os seus prezos de venda.  A oferta é a mesma que pode atopar un cliente en calquera supermercado: verduras, froitas, carne e outros alimentos, ademais de artigos de droguería, enxoval e flores. Coa gran diferenza de que todos son produtos de proximidade.

Ten horario de apertura continuado, de 9 a 21 horas e tamén ofrece servizo de entrega a domicilio. No establecemento de Fene traballan 6 dos 60 empregados da cooperativa, que conta con 3.000 socios.

Sociedade

Publica o teu comentario agora