A profesora Adina Dumitru na Axencia Europea de Medio Ambiente

A profesora Adina Dumitru na Axencia Europea de Medio Ambiente
10 de Xaneiro, 2025 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

A docente da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña Adina Dumitru acaba de nomeada membro do Comité Científico da Axencia Europea de Medio Ambiente. A profesora e investigadora do Grupo de Investigación en Psicoloxía do desenvolvemento e a aprendizaxe escolar (GIPDAE), membro tamén do Centro de Investigación Interuniveritario Ecobas e da Cátedra de Algoritmos Verdes da UDC, foi seleccionada mediante un proceso aberto ao que se postularon 170 profesionais en diversas áreas de especialización de interese para a Axencia.

O seu mandato será de catro anos, renovables, con inicio da actividade partir do 1 de xaneiro de 2025 e xa foi convidada a asistir á primeira reunión do Comité Científico que se celebrará os días 25 e 26 de febreiro de 2025 en Copenhague (Dinamarca).

A incorporación de Adina Dumitru permitirá abordar a temática de "Transicións Xustas", proporcionando opinións profesionais sobre os programas de traballo da Axencia e outros temas relevantes.

 

O Comité Científico da Axencia Europea de Medio Ambiente asesora á Xunta Directiva e ao director executivo e componse de destacados científicos independentes dos países membros da Axencia, que cobren diversas áreas ambientais como o uso de recursos, economía circular e residuos, saúde e medio ambiente, océanos e economía azul sostible, biodiversidade, clima e transicións cara á sustentabilidade.

 

A Axencia Europea de Medio Ambiente

A Axencia Europea de Medio Ambiente é a entidade comunitaria encargada de proporcionar coñecementos e información científica para apoiar os obxectivos ambientais e climáticos de Europa, desde a súa creación en 1994. A súa sede sitúase en Copenhague (Dinamarca).

 

Os principais obxectivos desta son apoiar o desenvolvemento de políticas ambientais a nivel europeo e global, ofrecer asesoramento científico, e proporcionar e manter unha infraestrutura de intercambio de información a nivel tanto nacional como internacional.

Institucional

Publica o teu comentario agora