A proposta de Valentín Paz-Andrade

A proposta de Valentín Paz-Andrade
21 de Xuño, 2023 - 12:10 h. | Publicada por Radiofusión

4 de xullo de 1977. Convócase en Santiago de Compostela aos deputados e senadores elixidos en Galicia semanas atrás. Quérese formar a Asemblea de Parlamentarios de Galicia para reclamar un Estatuto de Autonomía. Nunha entrevista sobre a reunión, o galeguista Valentín Paz-Andrade indica que algunhas persoas contactadas pola Casa Real para converter en senadores “a dedo” preferiron someterse á elección popular democrática.

Fotografía Xan Carballa

Camilo José Cela -un dos senadores designados dixitalmente polo monarca- responde despregando sen cuartel toda a súa habilidade para o discurso. O historiador Lourenzo Fernández Prieto referiuse a esta polémica no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega. Para Prieto, a reacción de Cela “serve para evidenciar como a cultura política falanxista, xerada e alimentada ao longo de catro décadas, non podía desaparecer nun abrir e pechar de ollos”.
A proposta de Paz-Andrade
O senador Paz-Andrade leu ao comezo da reunión unha proposta de declaración constituínte con oito puntos. Tras facer constar a obriga da asemblea de parlamentarios para contribuír á obra de reconstitución do Estado español sobre base democrática e plural, afirma no segundo punto "Galicia, primeiro anaco da xeografía ibérica consagrado historicamente como reino, habendo xerado o idioma que ten a primoxenitura do latín e despois de catro séculos de encadeamento a un modelo de centralismo conxestivo nas cabeceiras do poder e debilitante, senón empobrecedor das zonas periféricas desfavorecidas,ten pleno dereito a ser recoñecida como nacionalidade, ou cando menos como rexión autónoma, dentro da estrutura constitucional do Estado Español, ben responda esta ao patrón federalista consagrado en tantos outros países ou a un patrón estatutario de autogoberno.

O contido xurídico-político da autonomía que ha de recoñecerse a Galicia -seguía a proposta-  "non deberá ser subestimatorio da súa capacidade potencial para se rexer a si mesma nos asuntos que privatimente lle compren". No cuarto punto puntualizabase que sexa cal sexa o modelo autonómico que se aplique a Galicia "o Estado español non se reservará máis servizos xerais que aqueles cuxa prestación reteña en relación a outras nacionalidades ou rexións que teñan accedido ou accedan a un réxime similar de autogoberno". 

O punto quinto dicía textualmente: "Aínda sen esperar a que as Cortes, en función de constituíntes, sancionen a organización federal do Estado español  ou calquera réxime de autonomía as nacionalidades ou rexións, Galicia poderá aproveitar provisionalmente as facilidades que conteña o texto articulado a ditar, da lei de bases da administración local, para iniciar o seu proceso cara o autogoberno, comprendendo as catro provincias actuais, cando así o acorde a asemblea de parlamentarios.O organismo supra provincial a crear, por tempo subordinado á implantación do réxime definitivo, denominarase Xunta de Galiza,e terá a súa sede na cidade que no seu intre se acorde".

 

Fotografia Xan Carballa

www.engaiolarte.com
 

 

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora