Protestan polo peche de camas previsto para este verán

Protestan polo peche de camas previsto para este verán

01 de Xuño, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Segundo os datos que a CIG-Saúde vai recibindo das distintas áreas sanitarias, despois de demandar insistentemente información oficial, o peche de camas durante o verán de 2016 –que en algunhas áreas sanitarias se estende até mediados de outubro- será de arredor de 1.200 camas, igual que no ano 2015. A Xunta de Galicia reduce esa cifra ata as 940, do total de 7200 camas do Sergas

Os grandes complexos hospitalarios pecharán durante este período máis de 200 camas cada un. María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde salienta o caso da area sanitaria de Vigo, que “con todos os problemas que está a padecer, é unha das máis afectadas, xa que ademais de camas pechará tamén unidades de quirófanos”.

Para a CIG-Saúde este peche de camas non se corresponde co anuncio feito polo presidente da Xunta dese plan de choque de cinco millóns de euros que se destinarían a reducir as listas de agarda, nas que están máis de 34.000 doentes. Unha redución que se faría, en parte dos casos, atendendo ás/aos doentes en centros concertados.

Este anuncio de redución das listas de espera é, para Abuín, “unha medida propagandística do PP en período pre-electoral que non se corresponde coa realidade e mesmo se contradí xa que mentres anuncia ese plan, pecha dispositivos sanitarios que impiden o seu cumprimento”.

A secretaria nacional da CIG-Saúde considera moi grave para sanidade pública galega esta decisión  “máxime cando dos propios datos que dan a final de ano tírase que, tras este peche de camas, unidades, servizos de probas diagnósticas, consultas e demais, as listas de agarda se incrementan no último trimestre do ano”.

Abuín advirte que o peche de camas e servizos na sanidade pública “favorece que estes cartos –se é certo que se vai destinar a gasto sanitario para redución de listas de agarda- sería en centros concertados, xa que o peche patronal da sanidade pública decretado polo PP impide manter actividade diaria normal e menos incrementala”.

Xunto a isto sinala que o peche de camas durante o verán provoca un incremento do desemprego sanitario, xa que “o persoal fixo só dispón dun mes de vacacións e o resto do tempo dedícase a facer a cobertura do resto de compañeiros/as durante as súas vacacións”.

A CIG-Saúde insire esta política de peche sistemático de camas, unidades e probas diagnósticas durante o verán na política de privatización e desmantelamento da sanidade pública á que vimos asistindo durante estes últimos anos.

Sociedade