Pulseira de seda

Pulseira de seda
23 de Abril, 2021 - 06:00 h. | Publicada por Radio Fene

Pulseira de seda. Era o nome secreto dunha operación militar deseñada polas Forzas Armadas dos Estados Unidos, na que estaba implicada a base de Estaca de Bares en Galicia. A misión permitiría activar os sistemas de defensa nuclear desde o aire, en caso de destrución dos centros neurálxicos de terra por parte das forzas da Unión Soviética. Desde 1961 e ata 1991 o plan consistía nunha serie de radios e multiplexores de sinal ubicados en Mañón. Se se producía un ataque soviético -era a época da “guerra fría”- que provocara a destrución do “maletín do presidente” desde onde se activaba o lanzamento de misís, entraba en funcionamento o “Plan B”. Desde a estación de radio de Estaca de Bares, debían entrar en contacto cun avión das Air Force desde onde se ordenaría a resposta ao ataque.  Un traballo de fin de máster (1) fala desa operación, pero quizais fora só unha película. Ou quizais, non.

ESCOITA O PODCAST:

Escoita a conversa co escritor Hixinio Puentes sobre a base norteamericana de Estaca de Bares

http://173.255.131.18/audio/200421PUENTES.mp3

Porto de Bares. Concello de Mañón

As Forzas Armadas dos Estados Unidos de América instaláronse en Estaca de Bares no Barqueiro (concello de Mañón) entre 1960 e 1991. Foi un dos efectos dos acordos asinados en 1953 entre os USA e a ditadura de Franco. O convenio reservaba para os Estados Unidos a soberanía das bases e todo tipo de iniciativa. En caso de guerra, España debería entrar no conflito. En calquera caso e no contexto da “guerra fría” entre os Estados Unidos e a Unión Soviética, a poboación da zona estivo en risco, “sen comelo nin bebelo”.
Gran impacto na zona
"Os coches dos americanos andaban cos capós amarrados con cordas. Cando se excedían coa bebida ían polos montes abaixo, aínda que os vehículos eran duros e aguantaban ben os  golpes. No porto de Bares, nunha ocasión houbera unha liorta grande entre uns rapaces e un boxeador americano que levou as de perder". O escritor e investigador Hixinio Puentes lembra que a construción da base provocara un gran impacto na zona. “Viñan camións con plataformas de 30 ou 40 rodas, trouxeran unha gran formigoneira desde Torrejón de Ardoz que dicían que arrincaba todos os cables da luz por Vilalba e instalaron unha liña de teléfono directo entre Bares e Torrejón” indica. Puentes descoñece a operación “Pulseira de seda” e indica que, máis alá de pequenos roces nalgunha festa, os norteamericanos tiñan a directriz de confraternizar coa poboación. “Varios casaron con mozas da zona” apunta. 
Sistema Loran
O sistema Loran desenvolveuse durante a II Guerra Mundial como unha importante axuda á navegación aérea aliada e aos convois de subministracións do Atlántico Norte. En España albergáronse dúas estacións deste tipo, unha a da Estaca de Bares e a outra, en L´Estartit (Cataluña).  As dúas estacións son instaladas a petición do Departamento de Defensa de EE.UU.. De todos os xeitos a súa construción non foi inmediata, xa que até 1960 non leva a efecto, quedando operativa a da Estaca de Bares en 1961, que funciona até 1977 baixo o mando da Garda Costeira dos Estados Unidos. O seu último comandante sería John Wcislo. Logo transferiuse ás Forzas Aéreas Norteamericanas en 1978. Con este motivo sufriu unha completa remodelación e ampliáronse as instalacións, pasando a ser unha dependencia de estratexia militar de rastrexo aéreo e marítimo, ao seguir os movementos en Europa e África de todo o tráfico militar, así como controlar as rutas marítimas entre Europa, América e África. A estación compúñase de tres tanques de combustible, unha nave de aloxamento de tropas, outra de servizos, ximnasio e pista de squash, salón e cociña, amplo espazo para grellada, aloxamento para oficiais e laboratorio fotográfico, oficina e cuarto do comandante, unha enfermaría ben equipada, antena de comunicación, transformadores de potencia, un sofisticado sistema de radio Loran, un xerador, almacén para repostos e garaxe.

Cando a forza aérea americana se fixo cargo da base, ao ser traspasada polos mariños, levantáronse en terreos contiguos tres naves máis e a alta antena de comunicacións existente derrúbase. Substitúese por outras tres de menor tamaño e maior frecuencia. A base aloxaba un moderno sistema de radio detección, denominado Long Range Aid to Navigation, (LORAN) de ondas de longo percorrido por sinais emitidos e que usaba o efecto de intervalo entre a recepción do seu sinal que se transmitía desde varios puntos á vez para determinar unha posición a detectar. O seu primeiro comandante, sería o capitán Robert Palmer con duas ducias de homes ao seu mando. O Ministerio de Defensa dos Estados Unidos escolleu Estaca de Bares, o lugar máis septentrional da Península Ibérica, alí onde se dividen o mar Cantábrico e o océano Atlántico, un punto de observación ornitolóxica privilexiado, polo continuo paso de aves migratorias, para ubicar unha das súas bases militares. Durante trinta anos ali ondeou a bandeira das barras e estrelas. 

1. CUEVAS ALLEGUE, MARIO. Rehabilitación de la base militar de Estaca de Bares para su adecuación al uso turístico. TFM 2016.

Sociedade

Publica o teu comentario agora