Pump track en Perlío

Pump track en Perlío
22 de Abril, 2023 - 12:09 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene creará en Perlío unha pista de pump track, práctica deportiva atractiva para a xente moza, sobre todo nos ámbitos urbanos. Será un circuíto deseñado no que realizar saltos e xiros coa bicicleta ou patinete usando so o impulso do propio corpo. O Concello aproveitará para darlle unha nova vida á zona do antigo circuíto de coches radio control, destacou en Radio Fene a concelleira de Deportes,  Cristina Garcia Moroño

ESCOITA O PODCAST:

“É unha modalidade deportiva que ten moitísima aceptación entre a rapazada”, apunta a concelleira. “Os usuarios potenciais son rapaces practicantes de bike, skate ou de patinetes urbanos”. Detalla que “o circuíto consiste nunha pista de rodetes e xiros en varios tamaños e formas para xerar a velocidade e bombear a bicicleta co peso do corpo, nin se pedalea nin se move por gravidade”. “Vai ter unha feitura parecida a unha pista de atletismo en menor escala, dúas rectas paralelas de 1,5 metros de ancho e case 20 metros de longo cada unha, cheas de pequenos montículos, de altos e baixos, con pronunciados peraltes, para que poidan facer saltos”. A pista de pump track instalarase nunhas instalacións en desuso que o Concello quere aproveitar. “Á beira da estrada, na entrada das Pías, xunto á entrada de Navantia nunha parcela que era propiedade de Navantia cedida ao Concello de Fene, alí houbo un circuíto de auto-modelismo que leva moitos anos en desuso, pensamos que era bo revitalizalo é un darlle un novo uso cunha nova modalidade deportiva”. O espazo que se utilizará é unha pequena parte da parcela. Dependendo do uso que se lle dea mesmo se poderían ampliar as instalacións de pump track no futuro.

 

Institucional

Publica o teu comentario agora