Punto Limpo desbloqueado

Punto Limpo desbloqueado
29 de Marzo, 2023 - 06:21 h. | Publicada por Radio Fene

Os concellos de Fene, Cabanas e Ares resolveron un longo procedemento para facilitar que a veciñanza dispoña dun Punto Limpo en Vilar do Colo. Sacan adiante un complexo proceso, que durou case unha década, coa simbólica entrega de chaves das instalacións á adxudicataria do servizo. A concesionaria faise cargo das instalacións e agarda que a Xunta autorice a apertura, que solicitou a principios de febreiro. O alcalde de Fene, Juventino Trigo, participou, xunto cos rexedores de Cabanas, Carlos Ladra, e Ares, Julio Iglesias, na entrega de chaves á empresa COREGAL.

ESCOITA O PODCAST:

O alcalde Juventino Trigo destacou en declaracións a Radio Fene que este acto simbólico supón a culminación dun longo proceso no que foi necesario superar moitos atrancos.  "O proxecto pasou por moitas dificultades, sobre todo á hora de xestionar e ver que concellos ían entrar definitivamente. Solventados estes problemas, esperemos poñelo a funcionar canto antes porque é un servizo moi importante para os veciños e veciñas dos tres concellos", apunta o alcalde de Fene, Juventino Trigo. O rexedor felicitouse porque, unha vez que a Xunta autorice a apertura das instalacións, a veciñanza contará cun lugar no que depositar voluminosos, electrodomésticos e todo tipo de residuos para facilitar a súa reciclaxe. Destacou tamén que a adxudicataria é unha empresa da economía social con moita experiencia no sector. A firma, pertencente á Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), resultou adxudicataria do contrato licitado polo Concello de Fene cunha oferta económica lixeiramente superior aos 90.000 euros anuais. "Somos un centro especial de emprego sen ánimo de lucro que levamos trinta anos traballando na xestión integral de residuos. Temos 207 traballadores dos que o 84% son persoas con discapacidade", explicou este mediodía Antonio Pena, xerente de COREGAL. 

A construción das instalacións do Punto Limpo do Vilar do Colo finalizou en outubro de 2013 tras un investimento próximo aos 241.000 euros financiados con cargo ao Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2020. Desde aquela houbo varias tentativas de poñelo en marcha que non chegaron a callar, debido principalmente á complexidade administrativa de artellar un sistema de xestión compartido entre varios municipios.  Quen primeiro estudaron esta fórmula foron Fene e Cabanas -cotitulares das instalacións, situadas nas entremedias dos dous concellos-, a quen se unirían despois Ares, Mugardos e Neda. Os dous últimos descolgáronse do proxecto en distintos momentos e, finalmente, Ares, Cabanas e Fene asinaron en abril de 2021 un acordo para darlle o pulo definitivo. Desde a sinatura do convenio intermunicipal houbo tres licitacións públicas. A primeira quedou deserta, a segunda -cun prezo do contrato recalculado á alza- tivo que anularse por incumprimento de prazos na presentación de documentación por parte da adxudicataria, e a terceira e definitiva completouse a finais do pasado mes de decembro coa sinatura do contrato con COREGAL.

Sociedade

Publica o teu comentario agora