"Que din as rumorosas" entre os proxectos premiados co Luisa Villalta

"Que din as rumorosas" entre os proxectos premiados co Luisa Vilalta
27 de Xaneiro, 2023 - 11:52 h. | Publicada por Radiofusión

O IV Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade, convocado pola Deputación da Coruña a través das áreas de Cultura e Igualdade, xa ten gañadoras. As propostas seleccionadas polo xurado, que recibirán axudas de entre 3.700 e 12.500 euros, van desde a divulgación feminista de memoria local á instalación de murais interactivos con información sobre referentes na música galega ou a montaxe de pezas de teatro comunitario para dar visibilidade e poñer en valor o traballo das mulleres no ámbito rural, pasado por charlas divulgativas, de natureza didáctico-musical e carácter interactivo.

Xurado do Luisa Villalta

Presidido pola deputada de Igualdade e Normalización Lingüística, María Muíño, o xurado estivo formado por Raquel González Ferrón, licenciada en Pedagoxía pola USC; Eva Mejuto Rial, doutora en Xornalismo pola USC, e Eva Ovenza Pereira, técnica de Igualdade da Deputación. Actuou como secretaria Mercedes Fernández-Albalat Ruiz, xefa do Servizo de Acción Social, Cultura e Deportes.

 

 

Proxectos seleccionados

·       Donas da súa vida, de Nuria Prieto González. Proxecto de divulgación feminista de memoria local cunha vocación lúdica e pedagóxica orientada a calquera institución ou particular que traballe con idades temperás. Para os centros de educación primaria propón unha ruta acompañada dun caderno de apoio no que, a través de diversas actividades a xeito de adiviñas se traballaban puntos clave da ruta.

 

·       Que din as rumorosas, de María Helga Méndez García. Proxecto colectivo con fases de investigación, elaboración e improvisación para montar unha comedia coral sobre como ser artista e muller. Trátase dunha obra de creación colectiva na que cinco actrices e unha bailarina sobreviven titanicamente ao día a día de ser artista e muller.

 

·       María Barbeito: innovación e resistencia, de Artefeito Producións, S.Coop.Galega. Proxecto teatral iniciado en setembro de 2022 que consiste na representación en institutos desa peza teatral na que se basea e dunha guía didáctica. A proposta pula pola sensibilización, concienciación e intervención para corrixir as situacións sociais de desigualdade e discriminación que sofren as mulleres a través do traballo en torno ás achegas de María Barbeito.

 

·       Unha música no insti, de Laura Romero Pereira. Proposta de murais interactivos con información sobre referentes na música galega. É un proxecto artístico presencial e virtual pensado para xente moza que consiste na creación de diferentes murais de pequeno tamaño espallados en diferentes IES e CPIs da provincia da Coruña, co obxectivo de familiarizar ás novas xeracións coas mulleres referentes da nosa música.

 

·       As voces das mulleres, de Aantena SC. Proxecto teatral comunitario, realizado nos concellos de Coristanco, Malpica e Ponteceso. Pon en valor o traballo e a contribución das mulleres, especialmente do rural, a súa visibilización social, o seu empoderamento como motor económico e social. Preséntase claramente en prol da superación das desigualdades de xénero e as posibilidades de cambio social relativo a crenzas, estereotipos, roles, etc.

 

·       Proxecto Villamiseria, de María Victoria Teijeiro Álvarez. Proposta de investigación escénica e escritura do texto dramático “Villamiseria”, trátase dunha reflexión en torno á violencia exercida sobre as mulleres durante o franquismo.

 

·       En clave de muller, de Gemma María Pardo Faraldo. Formato de charlas divulgativas, de natureza didáctico-musical e carácter interactivo.

 

·       Cara ao exilio. Gloria Rodríguez, de La Nuestra, Comunicación Publicitaria, S.L. Proxecto de elaboración dun documental, unha unidade didáctica, unha xornada e a estrea a través do que facer unha homenaxe a todas as mulleres que, obrigadas a fuxir de España polo golpe de estado e a represión franquista, foron quen de iniciar unha nova vida no exilio en México.

 

·       Proxecto teatral “Flores de ferro 2.0”, de Melandrainas Creativa Sooc Coop galega. Proposta de teatro amador e inclusivo sobre a memoria histórica do desenvolvemento das mulleres da arte dun xeito inclusivo, cooperativo e interxeracional.

 

·       A Nai, de Carmen García Facorro. Espectáculo teatral multidisciplinar que emprega ferramentas do teatro documental e da auto-ficción. Explora as fazañas das irmás Lola, Julia e Amparo Touza, salvadoras de arredor de 500 persoas durante o Holocausto, ao tempo que fala da posibilidade de sermos mellores persoas en tempos de degradación moral.

 

Cultura

Publica o teu comentario agora