Que fas que non vas ao Culturgal?

Que fas que non vas ao Culturgal?

04 de Decembro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por

Logo dun ano agardando, a conta atrás que vén funcionando dende hai tempo na web do Culturgal achégase finalmente a cero. En poucas horas chega o momento para que abra as súas porta a gran casa da cultura galega -unha na que podemos entrar cada día do ano se así o queremos, porque os produtos das nosas industrias culturais están aí para que os consumamos- e que cada outono en Pontevedra organiza un gran baile e encontr

No que atinxe á música, Culturgal 2014 programa un concerto especial para o sábado 6 ás 21:30; un concerto protagonizado por Caxade e a Banda de Música de Bandeira, que orquestran o disco “Dança dos Moscas” nun espectáculo que será gravado para converterse en disco. Sen dúbida, a oportunidade de asistir a unha actuación única, cuxas entradas están a venda en www.servinova.com e no propio mostrador de entrada do #Culturgal2014. Ademais, pódense mercar nas librarías compostelás Pedreira e Miranda así como na pontevedresa Libraría Paz. O prezo, 10 euros.

As novidades do mundo musical veñen dereitas a Culturgal. “Lúas de outubro e agosto”, o agardado disco pop de Guadi Galego estará na feira só uns días despois de ter sido publicado. A que fora voz de Berrogüetto e participou en propostas como Espido, Nordestinas ou aCadaCanto fará a súa presentación o sábado ás 18.30. Á mesma hora pero o domingo, será a sorpresa de Alba María quen nos presente “Aínda”, o traballo que publica a Central Folque.

Cores, moitas cores, ten a música na Feira das Industrias Culturais. Tempo Catro trae as “porteñas” xa na tarde do venres ás 17.30 horas e Roberto Sobrado chega co arrecendo do rock e a canción de autor o sábado ás 13.30.

Os cantareiros Maghúa o venres ás 20.30 mentres a agrupación tamén masculina Pandeiromus chegará co seu novo disco “Teño días” o domingo ás 13.30 horas.

Seis baladas galegas para clarinete e piano é a proposta de Marta Sancho e Jorge Abreu para o venres ás 12.30 mentres o grupo de cámara de gaita Ensemble Hotteterre con Paulo Gonçalves chegará da man da Fundación Vicente Risco o domingo ás 12.30.

A tradición está na Feira o domingo ás 11:45 coa presentación do disco Arruidos do coro Cantares do Brión. Ese mesmo día 2naFronteira musica os versos do poeta ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas con “Zapatiños para Díaz Castro”. Será ás 17.30 horas. “Galego go blues” de Piti Sanz soará no Espazo carpa o sábado ás 17.30.

A última proposta musical está prevista para o domingo ás 19.30 co folk de Samarúas.

Exposición e audiovisual

E non só ao vivo sentiremos a música. Xurxo Souto fará vibrar cos sons do bravú coas dúas visitas comentadas á exposición “Bravú XX. Tanta paixón, quen poderá detela!” o venres e sábado ás 18.30 horas e a música no claustro de Tui virá a través dun documental sobre a décima edición deste singular festival que se celebra na catedral tudense. Música tamén no calendario da Libraría Lila de Lilith que prevé un 2015 cheo de sons e que coñeceremos o domingo ás 17.45.

Cultura