ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
Un orixinal espectáculo lumínico decorará este martes a fachada da Domus na Coruña. Trátase dunha iniciativa para conmemorar o Dia Internacional contra a Violencia de Xénero. As proxeccións prolongaránse ata o venres.
Para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, a Concellería de Igualdade e Participación Cidadá do Concello da Coruña executará unha proxección monumental sobre a fachada do célebre museo da Domus, no que nunca antes se tiña realizado un espectáculo semellante.
O acendido da peculiar fachada curvilínea, de 96X16 metros, terá lugar mañá martes, 23 de novembro, a partir das 19:30 horas, cun espectáculo de inauguración que inclúe unha performance de danza proxectada en directo con sombras chinesas, protagonizada polos bailaríns Alba Vázquez e Iván Villar (Entrecaixas) e deseñada polo iluminador da empresa DQL (Dalle que libras) Suso R. Arias. O acto será presentado pola actriz Isabel Risco e contará coa presenza da Concelleira de Igualdade e Participación Cidadá, Margarida Vázquez Veras.
Despois, ao longo dos catro días seguintes (ata o venres 26), a fachada do edificio construído entre os anos 1993 e 1995 e deseñado polo arquitecto xaponés Akata Isozaki en colaboración co galego César Portela, servirá como pantalla para a proxección monumental de imaxes baseadas na campaña municipal deste ano contra a lacra da violencia de xénero: “Que non che mintan, princesa”.
16 City Colours de 2.500 W, 5 cabezas móbiles, catro focos de máis de 2.000 W, un proxector de 15.000 lumens, ou unha lente gran angular son algúns dos elementos técnicos que se van utilizar para o evento e que dan idea da magnitude do acontecemento, que proxectará unha imaxe única e innovadora da cidade da Coruña e dun dos seus principais museos, o primeiro do mundo dedicado integramente ao ser humano. Ademais, o espectáculo será recollido por cámaras de televisión para que quede constancia documental do acontecemento.
DQL (dalleQlibras) chega hai 10 meses ao mundo empresarial galego para encher un baleiro no sector da organización e produción de todo tipo de eventos e espectáculos. Nun país rico en cultura, en arte, e en capital humano, faise imprescindible a existencia dun grupo de traballo con capacidade para converter calquera acontecemento nun espectáculo de calidade que non deixará indiferente a ninguén.