A que sabe a lamprea?

A que sabe a lamprea?
26 de Febreiro, 2020 - 10:00 h. | Publicada por Radio Estrada

A que sabe a lamprea? Gastrónomos e cociñeiros especializados coinciden na difícil resposta a esa pregunta. O Chef Rivera de Padrón lembra que é un peixe azul, con corpo, potente e xelatinoso. É parecido a anguía e pode pasar por carne.

ESCOITA O PODCAST:
Pepe Barreiro, pescador de lampreas no río Ulla

A pesca da lamprea depende moito do tempo. Cóllese no río entre xaneiro e o quince de abril, pero por exemplo este ano é moi irregular. Se hai temporal ou vento do Sudoeste a lamprea non entra. Co anticiclón e con vento do Norte é cando máis entra, segundo o pescador de lamprea Pepe Barreiro. Os botes utilizados para a pesca da lamprea chámanse baleiros. En cada embarcación van dous ou tres tripulantes. Cada persoa pode botar oito nasas. Déixanse no río durante vinte catro horas. Ao dia seguinte hai que levantalas e viralas.

Á hora de preparar a lamprea, é fundamental limpala moi ben para eliminar parte da súa graxa e da súa xelatina. Se non se elimina a graxa da lamprea, provocará unha dixestión pesada. Comémola as dúas da tarde e as dez da noite aínda estará dando voltas pola gorxa.
Para evitar o empacho, hai que eliminar aceite, graxa e xelatina no proceso de cociñado e preparación da lamprea. Comedores clásicos da lamprea botan de menos esa graxa. Para o Chef Rivera, iso é unha barbaridade. Hai xente que ten a lamprea na porta da casa e non a quere. En cambio outros, van desde A Coruña ou Ferrol, fan máis de cen quilómetros para xantar ese gorentoso peixe.

Di Alvaro Cunqueiro que os galegos somos, sen dúbida, o pobo máis lampreeiro de Occidente. Ningún dos pobos atlánticos, nin en Burdeos nin en Nantes, come tanta lamprea como en Galicia. E por iso debiamos estar ao tanto dos costumes da lamprea e as súas sazóns.

 

Seguro que che interesa
Sociedade

Publica o teu comentario agora