Que se presenten as vacas

Que se presenten as vacas
17 de Febreiro, 2021 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

“Que se presenten as vacas” Ese é o desexo do programa “Fene na memoria” que esta mañá recreou a festa do entroido da man de Paco Permuy, de 70 anos, un dos membros do obradoiro Tardes Activas dos Servizos Sociais municipais de Fene.

ESCOITA O PODCAST:

Cando Paco Permuy era neno en Magalofes collían roupa na casa e saían polos camiños disfrazados pedindo polas portas, orellas, torradas ou cartos. De mociño lembra os bailes do Perla, multitudinarios, onde os disfraces eran apoteósicos porque non se mercaban nos chinos senón que a xente os traballaba na casa con moito esmero. Quedoulle gravado o disfraz duns mozos que ían de vacas. Debaixo de cada vaca había dúas persoas, necesarias para ter catro patas. Outro mozo ía alindando nelas cunha vara. Conta Permuy que, "cando levaba varios cubatas, zoupaba de veras e as vacas revelábanse". Non sabe quen ía detrás dese disfraz pero gustaríalle rememoralo cos protagonistas.

Hoxe Fene na memoria recreou o Entroido, cun rosco no que as palabras a adiviñar tiñan que ver coa festa do carnaval. Orella, filloa, cigarrón, cocido ou careta foron ben atinadas por Permuy quen confesou que esta mañá fixo as filloas. “Xa empecei o 2 de febreiro, o dia da Candeloria, como todos os anos". E iso que non é dos que se disfraza, máis ben mira para os demais pero, como recoñeceu, no da comida do entroido non hai quen lle gane.

O coordenador do programa, Jaime Lendoiro, lembrou a todos os usuarios e usuarias dos obradoiros de memoria, que continúa o reto de escribir microrrelatos na casa, de 100 palabras como máximo, que deben empezar con esta frase “Este maldito virus non se acaba de ir”. Poden achegalos aos SS SS en San Valentín en persoa ou ben envialos ao correo servizos.sociais@fene.gal

 

Na imaxe, grupo de disfraces no baile de Entroido na sala Perla de Perlío. Ano 1972)

Sociedade

Publica o teu comentario agora