ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Os membros da confraria de Barallobre quedaron esta mañá en liberdade. Os catro membros da confraría de Barallobre detidos onte no marco dunha operación do Seprona da Garda Civil e da Axencia Tributaria, o patrón maior, o biólogo, o secretario, e o subastador quedaron esta mañá en liberdade á espera de declarar no Xulgado de Instrución número 1 de Ferrol.
"Todo é moi confuso", afirmou o co-portavoz da CIG de Ferrolterra Xesús Anxo López Pintos. O sindicalista sospeita que haxa interese en meter medo "diante das mobilizacións que preparan as confrarías de Ferrol e Barallobre". "Unha irregularidade pequena non xustifica ese desplegue policial nen que se leve esposados aos traballadores da confraría" salientou Pintos."Non temos información pero non acabamos de ver o motivo desta operación policial" salientou o alcalde de Fene Juventino Trigo (BNG).
"Quedaron en liberdade a disposición do xulgado que leva a instrución. Este era o xulgado de garda e deixounos en liberdade. Acolléronse ao seu dereito a non declarar porque o farán no seu momento ante o xulgado que corresponde», explicou o avogado Jorge Vázquez Vila, e engadiu: «Entendemos que non se cometeu ningunha ilegalidade por parte de eles», e aseverou que «non hai nada penal».
O avogado apuntou que, ao estar baixo segredo de sumario, non se saberá máis sobre o caso ata que a maxistrada lles dea traslado do sumario. O servizo marítimo da Garda Civil, o Seprona, e o Xulgado de Instrución número 1 formulan as acusacións. Os catro detidos chegaron minutos antes do dez da mañá ao xulgado de garda de Ferrol procedentes do cuartel da Garda Civil da Coruña en Lonzas. Saíron das dependencias xudiciais case as once e media da mañá baixo unha onda de aplausos e os abrazos dos familiares. Durante a espera máis dun cento de compañeiros quixeron mostrar o seu apoio concentrándose á entrada dos xulgados ferroláns. A CIG tamén se sumou a esta concentración. Os mariscadores de Barallobre non saíron hoxe a faenar en sinal de apoio e a lonxa permaneceu pechada, aínda que se espera que mañá retome xa a actividade.
«Tivemos que pasar por unha circunstancia que desexaría que lle pasase a quen causa esta situación, que eles pasen por isto que son os responsables, nós só somos traballadores», lamentou o biólogo da entidade. Segundo fontes próximas á investigación, a acción xudicial estivo provocada pola detección de alta toxina nos bivalvos, e problemas coas guías que debe levar o marisco para o control da Xunta.