Quen planta un souto, planta para outro

Quen planta un souto, planta para outro

18 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

Máis de 150 escolares dos colexios Campomaior e Castelao participaron esta mañá na xornada organizada polo Concello de Ordes con motivo da conmemoración do Día Mundial Forestal. Unha xornada que vai xa pola súa terceira edición e que volveu a ter aos alumnos e alumnas dos centros de ensino da localidade como protagonistas. Non fixeron caso do refrán tradicional que alude ao longo periodo de crecemento das árbores tradicionais de Galicia.

A xornada tivo lugar no Balado, nunha parcela municipal, na que os participantes puideron plantar 100 especies, entre carballos e castiñeiros, que se sumaron así ás árbores plantadas xa en anteriores edicións, das que se puido comprobar a súa evolución e o seu bo estado.

Ademais da plantación das árbores os escolares que participaron nesta iniciativa, desenvolvida polo Concello de Ordes a través das concellerías de Medio Ambiente e Educación, puideron tamén disfrutar dun contacontos que narrou historias relacionadas coa natureza.

Con esta iniciativa dende o Concello pretenden concienciar unha vez máis aos pequenos do municipio sobre a importancia da preservación do medio ambiente e o coidado da natureza.

Participando nos actos estiveron tamén presentes o alcalde, Manuel Regos, a concelleira de Educación, Silvia Marín e o concelleiro de Medio Ambiente, Jesús Pedreira.

Sociedade