...Queres kiwis?

...Queres kiwis?
15 de Xullo, 2024 - 01:33 h. | Publicada por Radio Fene

Seguramente Ladislao Couto, o mítico Ladillao de Portozás, sería o último avogado ao que chamariamos en situación de necesidade de asesoramento legal, pero o seu alter ego, Carlos Blanco, é un actor máis que confiable, que ten sido quen de construír un dos personaxes máis entrañables da historia da televisión galega, o avogado da serie Mareas Vivas. 

ESCOITA O PODCAST:

A serie entrou nas nosas vidas aló polo ano 1998 e os seus actores e actrices pasaron a formar parte, case, das nosas familias, e supuxo para o seu elenco un salto á fama máis aló do “telón de grelos”.

Temos podido gozar dos personaxes que Carlos Blanco crea, en 18 películas, 22 series a meirande parte delas con personaxes fixos, 10 curtametraxes, Presentador en programas da TV galega como Sitio Distinto, Selección Galega ou Somos unha Potenzia, o primeiro late night show da canle autonómica. Carlos ten representado papeis máis que emblemáticos nestes últimos anos, algúns tan icónicos como o xa mencionado Ladislao ou o Laureano Oubiña de Fariña.

Pero case con certeza o seu meirande coñecemento para o público é a súa impoñente presenza no escenario como monologuista, sendo quen de facernos rir co máis achegado a nós, porque imos ver; pode un exceso de produción de kiwis facer rir?, POIS PODE.

O actor pasou polos estudios de Radio Fene e permitiunos facer un repaso pola súa traxectoria tanto como actor como polos moitos espectáculos como monologuista cos que ten percorrido o territorio galego. Unha actividade da que, confesa, nunca precisará xubilarse porque é unha recarga enerxética e motivadora que lle permite seguir creando.

Nin a meditación, a atención plena ou o mindfulness, poden conseguir as cualidades beneficiosas da risa, porque a risa é un elemento estimulante para a nosa saúde. Rirnos axúdanos a sentirnos mellor, incrementa a autoestima e a confianza nun mesmo, fortalece os lazos afectivos, facilita a comunicación, e potencia a creatividade e a imaxinación. Por se isto fose pouco ademais rirse do que nos parece máis importante é transgresor, porque trastorna normas e estruturas e incluso as cuestiona, e liberador porque permítenos afrontar medos máis ou menos asumidos. 

Carlos Blanco debería, xa que logo, ser unha prescrición facultativa. 

Fotografía: XanXe

Cultura

Publica o teu comentario agora