ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
As rías, protagonistas do desenvolvemento económico, social e cultural da Galicia costeira, serán o fío condutor do programa especial en directo que Radiofusión emitirá o xoves un de febreiro. As nosas rías teñen determinado non só o desenvolvemento económico de amplas zonas, senón tamén moitos aspectos das nosas vidas. Industria naval, industria marisqueira e pesqueira, transporte e lecer. O programa realizarase en directo de dez da mañá a unha do mediodía desde o local da Asociación Veciñal de Limodre en Fene, contando coa participación activa do Colexio Os Casais de Maniños.
Especial atención ao saneamento e a calidade das augas das nosas rías, unha reivindicación histórica que cobra máis sentido que nunca, sobre todo neste momento coa traxedia que está a supor a chegada dos pellets ás nosas praias, abordarase contando coa presenza do catedrático Xosé Lois Otero, pertencente ao Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da Escola Politécnica Superior de Enxeñería da Universidade de Santiago de Compostela e coordinador das Estacións Biolóxicas da USC.
A Axenda 2030 focaliza 17 obxectivos de desenvolvemento sustentable imprescindibles para garantir o futuro do planeta, e a meirande parte deles teñen esencia e presencia nas nosas rías; saneamento, calidade do auga, vida mariña, industria, tecnoloxía e moitos outros, precisan de accións directas para acadar os obxectivos propostos. Onda ODS Empeza por ti, propiciará unha experiencia de radio en directo ao redor dos obxectivos da Axenda 2030 en colaboración co Concello de Fene, o movemento asociativo da localidade, o Colexio Os Casais de Maniños.
A emisión realizarase dende un emprazamento singular, a Escola Indiana que é a sede da Asociación Veciñal de Limodre o vindeiro xoves 1 de febreiro. Tratarase dun programa en directo de tres horas de duración, de 10:00 a 13:00 horas, no que os protagonistas serán os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable aprobados por Nacións Unidas e as accións que os diversos convidados ao programa están a desenvolver para a súa consecución.
O colexio de Maniños partillaranos o interesante traballo que están a facer ao redor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable co seu proxecto de Centro “Somos quen”, no que levan adiante accións como Recreos residuos cero ou programas de limpeza de praias e ribeiras.
Da man do movemento asociativo de Fene coñeceremos algunha das iniciativas que está a levar adiante para poñer en valor a memoria social e etnográfica. O programa voltará a vista atrás para rememorar un medio de transporte en desuso, pero que seguen a ser un símbolo comarcal, como foi o servizo de Lancha para cruzar a ría, tamén de profesións desaparecidas como era o caso das lavandeiras, que na parroquia de Sillobre eran lexión ou da creación do monumento ao Camiñante que a parroquia de Barallobre decidiu, aló polo 1934 levantar en homenaxe a galegos ilustres.
A preocupación pola destrución de hábitats costeiros e o traballo que está a desenvolver para a súa prevención será unha das propostas que achegará a Asociación de Defensa do Bosque Atlántico, Betula. Falarase da industria do mar en Ferrol, nomeadamente da PYSBE e das actividades previstas para recuperar a memoria de toda esa actividade. Tamén terá espazo no programa a industria naval presente na ría, representada pola historia da guindastre pórtico do estaleiro Navantia, un elemento tecnolóxico que, no seu día foi punteiro e que hoxe é un símbolo para a localidade.
Participaron na estratexia local de Fene da iniciativa “Onda ODS Empeza por ti”, o Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene, a Asociación de Defensa do Bosque Atlántico “Betula”, o Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene, AVV de Magalofes, AVV de Limodre, O Pote de Maniños, a Liga de Amigos de Barallobre, Agarimo de Sillobre, Asociación Etnográfica e Ecoloxista AETNA e Comunidade Enerxética de Laraxe en Cabanas.
"Onda Ods Empeza por ti" é unha iniciativa das Emisoras Municipais de Andalucía en colaboración coas Emisoras Municipais Galegas, a Xarxa de Catalunya e a Rede de Medios Comunitarios. Conta coa axuda do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.
Publica o teu comentario agora