A radio ten futuro

A radio ten futuro
12 de Novembro, 2022 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

Os participantes no ciclo de comunicación radiofónica impartido no Colexio Eladia Mariño de Cabanas remataron este obradoiro incluído no proxecto Onda ODS cunha visita ás instalacións de Radio Fene.

ESCOITA O PODCAST:

Fotografía: Xan Xe Corral

Fotografía: Xan Xe Corral

Un total de 18 alumnos e alumnas de sexto curso do CEIP Eladia Mariño de Cabanas participaron no ciclo de formación radiofónica incluído no proxecto Onda ODS. Dende o pasado 13 de outubro, o alumnado deste centro aprendeu as diferentes técnicas de redacción e locución precisas para emitir diferentes tipos de programas. O director de Radio Fene, Henrique Sanfíz, explicoulles a historia dos podcast e a importancia deste novo formato radiofónico que a rapazada tamén aprendeu a crear dende o seu ordenador. Foi Pablo García, locutor de Radio Estrada, o encargado de impartir a parte práctica da creación dun podcast. Tamén Xabier Fernández, técnico de son de Radio Fene-Radiofusión introduciu aos rapaces no manexo da mesa de control. O resto de contidos sobre a comunicación e os ODS foron impartidos pola xornalista de Radiofusión, Susana Falcón. As clases repartíronse en cinco sesións, cada unha delas de tres horas de duración. Os alumnos amosaron unha gran interese polo mundo radiofónico e deixaron clara a súa creatividade. Elaboraron cinco textos relacionados coas tradicións e atractivos de Cabanas, coa revitalización do medio rural e coas boas prácticas realizadas no colexio para axudar aos animais necesitados. Estes cinco espazos foron gravados o último dia do curso nas instalacións de Radio Fene, onde os alumnos recibiron tamén os seus diplomas por ter participado neste taller enmarcado no proxecto Onda ODS. Nos próximos días poderán escoitar as súas voces a través das ondas de Radiofusión. O colexio Eladia Mariño conta cun estudo de radio no que logo deste obradoiro os novos locutores e técnicos de son do centro aproveitarán para poñer en práctica todo o aprendido durante estas sesións. A radio ten futuro.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora