Raiolas de sol para o idioma galego

Raiolas de sol para o idioma galego
17 de Novembro, 2024 - 09:17 h. | Publicada por Radiofusión

As raiolas de sol trouxeron en novembro a luz de esperanza para o idioma galego. Milleiros de persoas ateigaron a praza da Quintana de Santiago de Compostela na mañá deste domingo, 17 de novembro, en resposta á convocatoria da plataforma Queremos Galego que, baixo o lema 'Mudemos o rumbo. Polo futuro do galego', chamou a un plenario aberto a todas as entidades e persoas interesadas na defensa da lingua. No acto interviron o músico e escritor Xurxo Souto, a xornalista Tareixa Navaza, e o voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira.

En declaracións previas ao inicio do acto, a portavoz do BNG, Ana Pontón, afirmou que "ve posíbel" cambiar o rumbo do galego cun "cambio de política", comezando por suprimir "ese decreto da vergoña que converteu o galego nunha lingua de segunda e que está a provocar que os nenos que entran pola porta do colexio falando galego saian falando castelán”.
Besteiro certificou o compromiso do PSOE co idioma galego. O secretario xeral encabezou a representación socialista na concentración de Queremos Galego e acusou a Feijoo e Rueda de provocar “o que non aconteceu nin nos Séculos Escuros nin na Longa Noite de Pedra: que o galego xa non sexa a primeira lingua do país”
 

Cultura

Publica o teu comentario agora