ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
Raquel Arias é unha muller de feitos mais que de palabras. Alcaldesa de Sober e periodista de profesión, ese será sempre o seu traballo aínda que a política e o interese polos seus veciños sexa a súa prioridade.
TCX: ¿É difícil compaxinar a vida privada e a política? Mírese toda a polémica coas fotos da portavoz no Congreso, Soraya Sáenz de Santamaría.
R.A.: É sempre difícil compaxinar a vida laboral e familiar, non so en política. E sobre o de Soraya, penso que é bo que se mostre unha faceta distinta dunha muller adicada á política.
TCX: Un pouco relacionado con iso, ¿Cree que a muller aínda está a ser estigmatizada, mirada con lupa, polo universo masculino da política?
R.A.: Si, hai algo de iso porque sigue pensándose que a política é cousa de homes, pero xa somos moitas as mulleres que nos adicamos á política.
TCX: O político, nun mundo dominado polos medios de comunicación e pola imaxe, ¿Aproxímase máis a un videoclip ou segue tendo valores e ideoloxías innegociables?
R.A.: Hai valores innegociables en calquera ámbito da vida e tamén, claro está, dentro dun partido.
TCX: e tivese que recorrer a eses videocurriculums, ¿Qué nos transmitiría?
R.A.: Non teño necesidade de recorrer a ningún videocurriculum, o que se ve de min é o que son.
TCX: Xornalista de profesión, ¿Pasouse ao outro lado?
R.A.: A miña profesión é e será o xornalismo, pero neste intre da miña vida, a prioridade é a política.
TCX: Como alcaldesa de Sober, ¿Qué experiencias pode sacar alguén de gobernar un pequeno concello rural?
R.A.: Un experiencia moi satisfactoria e a mellor sensación que pode ter un político. Ser alcaldesa do teu pobo é unha honra e permite facer política ó carón da xente, xa que estás moi preto dos teus veciños e das súas inquedanzas.
TCX: Ser número un por Lugo ¿Supón un acicate polo recoñecemento que iso supón ou presión engadida polo reto?
R.A.: Ambas cousas. Encabezar unha lista onde hai moitas persoas con capacidade e méritos para ocupar o número un é unha honra pola aposta que fan por min pero tamén un reto por todo o que conleva.
TCX: Estas eleccións parecen ser unha das primeiras reválidas para o seu partido. Reválida para o seu candidato, Alberto Núñez Feijóo, que se enfronta aos seus primeiros comicios como cabeza de lista, reválida ante a herdanza de Fraga, e reválida para o partido a nivel nacional...
R.A.: Non é unha revalida, é unha aprobación con nota que todos veremos o vindeiro 1 de marzo porque Fraga foi o mellor presidente de Galicia e Feijoo non será menos.
TCX: A realidade dos datos deixan unha menor incidencia do paro e da crise en Galicia que noutras zonas de España. ¿Mérito do presente goberno, mera cuestión conxuntural ou retoque?
R.A.: Por desgraza para todos nós, é un mérito deste bigoberno. Que non quixo nin soubo afrontar os problemas e sobre todo buscarlle solucións.
TCX: A realidade política fala unha maioría absoluta case como única oportunidade para gobernar. ¿Realmente hai en Galicia unha división tan patente entre PP e o resto de partidos?
R.A.: A división haina no bipartito. Son dous contra un. Así o quixeron eles.
TCX: ¿Son converxentes, desde o seu punto de vista, as cosmovisións da socialdemocracia e do nacionalismo moderado?
R.A.: Se realmente fose un nacionalismo moderado...
TCX: E desde un punto de vista máis posibilista, onde o utilitarismo tome o relevo da ideoloxía... (relacionada coa anterior)
R.A.: O útil neste intre, para Lugo e para Galicia, é votar Partido Popular.
TCX: ¿Ata qué punto afectará a actual crise económica o 1 de marzo?
R.A.: É inevitable que esta crise pase factura a quen non quixo ver o problema, primeiro; e despois, saber tomar as decisións oportunas para poñerlle coto a esta desfeita.
TCX: Este é un mal momento en canto á economía produtiva, tanto se se observa desde un punto de vista da produción industrial, como a súa extensión cara ao sector servizos ou o financeiro. ¿Ata que punto pode reverter a situación un goberno do PPdeG a nivel autonómico?
R.A.: Pode dar un xiro de 180 grados, xa que nós somos conscientes da situación na que vivimos e temos solucións a estes problemas.
TCX: Outro dos aspectos que afecta de forma directa á maioría dos cidadáns, independentemente do ámbito poboacional onde residan, é a actual situación da Sanidade Galega. ¿Qué lle pode aportar a política sanitaria do PP para mellorar a xestión do SERGAS?
R.A.: O PP xa xestionou o Sergas e os resultados están aí para que compare quen queira. Nós eramos mellores e seremos tamén mellores. É fácil superar o desastre que organizaron PSOE e BNG nesta materia.
TCX: O informe Pisa non deixa en bo lugar a España, cun 2,8% por debaixo da media da OCDE ¿Qué papel se lle asigna á educación e á formación profesional dentro do plan do PPdeG para Galicia?
R.A.: É un eixo fundamental. A educación é o punto de partida de calquera política que se queira levar a cabo. A valoración do esforzo, por exemplo, é un dos pilares do noso programa no eido educativo, xunto coa aposta decidida por unha formación profesional axeitada ás demandas actuais da nosa economía.
TCX: A nivel de infraestruturas, ¿Qué é o que lle falta a Lugo para ser máis competitivo?
R.A.: Todo. Non hai autovías, non hai AVE, non hai un digno ferrocarril convencional... non hai nada do prometido.
TCX: ¿Chegará algún lucense a ver comunicada a súa provincia co centro de Galicia por unha autovía?
R.A.: Cando goberne o Partido Popular dende logo que si.
TCX: Vostedes foron os primeiros en crear corredores ou vías rápidas, ¿Considéraas unha boa inversión en infraestruturas ou son un parche?
R.A.: No seu momento foron a mellor solución para a comunicación en Galicia, pero hai que seguir avanzado.
TCX: A nivel de telecomunicacións, no mundo rural hai falta de cobertura de teléfono ou televisión, malas instalacións eléctricas, que mostran tamén a ineficacia do Plan Mega, baixa calidade do sinal de ADSL que obriga aos usuarios a soportar un mal servizo a uns prezos esaxeradamente caros. ¿Cáles son as medidas necesarias a tomar para que haxa unha igualdade entre as comunicacións no rural e na cidade?¿Habería que premer, dalgún xeito, ás compañías privadas, que son as que xestionan o servizo, para que invistan máis no rural?
R.A.: Por suposto que si. Hai que apostar polo rural en todos os eidos. Non poden existir ningunha diferenza no que respecta a servizos entre o rural e a cidade. Os cidadáns son iguais e teñen os mesmos dereitos independentemente de onde vivan.
TCX: Vostede chegou a cualificar de "lacra para o mundo labrego” o paso dos gobernos central e autonómico, ¿Pode ser quizais, un pouco extrema tal afirmación?
R.A.: De ningunha maneira, os feitos me remito. So un dato: 600 explotacións gandeiras pecharon as súas portas no ano 2008.
TCX: ¿Cáles foron as maiores taras da política agraria da Xunta de Galicia dos últimos catro anos?
R.A.: Que en ningún momento se apostou polo sector agrario nin se defenderon os seus intereses nin en Europa, nin en Madrid, nin en Santiago. Aí está o problema da cota láctea, por exemplo.
TCX: ¿Que cambios se poderían achegar desde o programa do PP para mellorar a situación do mundo rural na actualidade?
R.A.: Equiparar servizos e oportunidades. Ese é o punto de partida de calquera goberno. Algo que non se fixo durante estes últimos catro anos.
TCX: En canto á política local, a Terra Chá enfróntase a un futuro esperanzador se se leva a cabo unha aposta pola súa penetración como eixe dentro do sector servizos, grazas á súa situación como nó de comunicacións. ¿Parte da súa política podería unirse a esta idea, tal e como reivindicaron dende concellos afíns como Vilalba ou Cospeito?
R.A.: Non o dubide. Vilalba e Cospeito son dous núcleos de vital importancia para a Terra Chá tanto dende o punto de vista económico como estratéxico. O PP teno claro e actuará en consecuencia.