A reactivación económica nos orzamentos de 2021

A reactivación económica nos orzamentos de 2021
13 de Abril, 2021 - 11:04 h. | Publicada por Radio Fene

Fene conta cun orzamento municipal para 2021 cifrado en máis de doce millóns de euros, exactamente 12.182.323€. O seu debate e aprobación lévase a un pleno extraordinario convocado o mércores 14 de abril ás 9,30h.

ESCOITA O PODCAST:
Punto limpo de Vilar do Colo

A reactivación económica e a xeración de emprego é un obxectivo preferente para o goberno que preside Juventino Trigo. Tamén é a primeira vez en moito tempo que se van mercar terreos destinados a equipamentos públicos. Falamos co concelleiro fenés de Facenda, Manuel Polo, sobre os ingresos e gastos destes orzamentos mediatizados en certa medida pola pandemia.

As partidas máis relevantes de ingresos veñen dadas polo IBI (contribución urbana) que en Fene supón 2.800.000 €. O imposto de vehículos uns 700.000 e o imposto das plusvalías dos catro últimos anos (estaba moi atrasado) supón uns ingresos de 200.000€. Aínda podemos sumar as taxas por licencia de obras que este ano teñen máis impacto municipal a causa das obras que se levan a cabo en Navantia e cuxa previsión supera os 100.000€. Estas serían as máis relevantes.

En relación cos gastos, Manuel Polo, quere significar o esforzo que este ano e fai pola reactivación económica e de emprego.  De entrada hai que afrontar unha suba salarial decretada polo Estado que a Fene lle supón uns 400.000 euros máis en salarios do personal. Despois a creación de sete novas prazas, bolsas de emprego e o Plan de emprego municipal ao que se destinan nas contas de 2021, 150.000 euros. Polo destaca tamén as novas partidas directas ( 48.000 €) para autónomos e pemes para compensar as perdas da Covid19; as subvención ao tecido comercial (10.000€) para a súa promoción, ou a creación do portal online para o mesmo sector. No capítulo de gastos tamén están as subvencións ao tecido asociativo. Increméntanse as contías a aquelas entidades que poden levar a cabo as actividades este ano.

Dentro do gasto social hai que ter en conta o servizo de Axuda no Fogar ao que se destina un millón de euros ou as ONGs como Dignidad, Protección Civil, Amigos de Galicia ou Aspaneps ás que Fene destina unha estimable axuda. Como novidades que se rescatan este ano e que se inclúen como previsións no orzamentos de Fene, Manuel Polo cita a posta en marcha do Punto limpo, a contratación da revisión do PXOM (56.000€) a ampliación da rede de auga e saneamento e, especialmente os gastos xerados pola Covid19 nos que se inclúe, por exemplo, o reforzo da policía local ou a compra de Epis. Pero o máis destacado polo edil de Facenda é que, por primeira vez en moito tempo, Fene vai pedir un crédito valorado en 200.000€ para adquisición de terreos que se destinarán a equipamentos públicos.

 

(Manuel Polo, no centro da imaxe)

 

Institucional

Publica o teu comentario agora