ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
Máis de 240 clubs de alterne e 323 pisos de contactos en Galicia. Esas son algunhas das cifras da prostitución na comunidade galega, un servizo ao que recoñecen recorrer habitualmente máis do 30% dos españois e que frecuentan cada día 1,5 millóns de homes a nivel nacional. Un consumo masivo de sexo de pago que é un "claro síntoma dunha cultura afect
"Para min o ideal sería que fose gratis, aínda que do prezo non me queixo", "son máis baratas que ter moza", "son todas unhas putas, só que a unhas lles pagas e a outras non", "son vítimas dunha sociedade inxusta pero temos que aceptar que exercen unha actividade demandada"... son frases que se repetiron ao longo de todo o traballo de campo e que levaron ás investigadoras a concluír que existen catro grandes grupos de consumidores: o misóxino, o amigo, o mercantilista e o crítico. Mentres que no primeiro grupo atópanse clientes que nos seus discursos mostran "un desprezo moi grande cara as mulleres", no segundo o cliente amosa o punto de vista totalmente contrario: son homes que "desenvolven a súa sociabilidade en espazos prostitucionais e que acaban tendo relacións afectivas ou incluso de parella coas prostitutas, que empatizan con elas, pero que nunca deixan de exercer o privilexio de consumir". "Igual que uns están acostumados a ir a un bar todos os venres eles van a un club de alterne, onde as relacións sociais son máis doadas e amables... porque niso se basea o negocio", salienta Gómez.
As investigadoras definen como cliente crítico aquel que, aínda que al menos algunha vez consumiu prostitución por ser parte "da subcultura masculina” e habitual en despedidas de solteiros, ceas de empresa, festas de fin de curso... entende que detrás deste negocio hai “xente sufrindo e que o sexo de pago é un produto do capitalismo e do patriarcado". Sen embargo, o perfil que máis chamou a atención de Gómez, Pérez e Verdugo foi o do mercantilista, normalmente xente nova con formación que aínda que ten recibido unha educación non sexista e que mantén relacións familiares ou de parella igualitarias "acoden ao sexo de pago porque aplican unha lóxica consumista". "Pensan que é un produto en venta que eles compran, sen detectar ningún problema ético. Forma parte do seu ocio normalizado, non empatizan coas mulleres e aplican os mesmos patróns de consumo que para outros produtos, sen ningunha capacidade reflexiva ou crítica", asegura Gómez.
Máis que sexo
A investigación, financiada polo Instituto da Muller, a Unidade de Igualdade da Universidade e o Concello de Ourense, tamén sacou á luz que case todos os homes tiveron algún contacto cun espazo prostitucional, "incluso entre os perfís máis inesperados", e que en moitas ocasións hai "insatisfacción con esas propias relacións sexuais". "Tras a nosa investigación e comparando cos resultados doutro estudo feito en Francia, chegamos á conclusión de que a compra de sexo de pago non se da soamente polo pracer sexual, senón que máis ben busca reafirmar unha identidade masculina en constante transformación. Rachouse co modelo tradicional de pai, protector e provedor e agora trátase de reafirmar a masculinidade a través do sexo, por iso moitas veces ese consumo faise en grupo, faise para os pares", indica a investigadora.
Máis explotación
No libro tamén se recollen os cambios que sufriu o mercado do sexo coa chegada da crise, que deixou un panorama no que baixaron os prezos e subiron a explotación e os abusos. Ademais, as españolas irrompen nun mercado dominado por mulleres do Este e de América Latina, aínda que exercen en espazos máis "discretos" como os pisos. "Son mulleres que tiñan unha vida máis ou menos acomodada, que perderon o traballo e que para manter o mesmo nivel económico e os seus fillos non o noten prefiren sacrificarse e dedicarse á prostitución. Elas si que senten ao cliente como un igual e non comprenden como pode un home chegar a pagar por sexo", recoñece Gómez.
Facendo un paralelismo coa estrutura da terra, as investigadoras diferencian entre propiedades da industria sexual minifundista e latifundista, xa que salvo na zona de Girona no norte de España abundan os clubs de pequeno ou mediano tamaño mentres que no sur fálase de macroclubs e mesmo franquicias. O turismo e os traballadores temporais da terra son algunhas das principais causas das diferenzas. Durante a investigación incluso recolleron o caso de mulleres que viaxaban a Madrid para facer estancias de 20 ou 25 días durante os que viven en grandes chalets e estaban "24 horas a disposición da outra persoa".
Acabar coa prostitución
Para as investigadoras o que está a provocar este consumo masivo de sexo de pago é a falta de comunicación entre homes e mulleres e unha "cultura afectivo-sexual dominante entre a poboación na que a tradición xudeocristiana fixo moito dano". "Por exemplo, ás mulleres que veñen de América Latina chámalles moito a atención que o trato entre as parellas sempre sexa frío, brusco, distante...", explica Gómez, que recorda que temos certa "anemia afectiva" que se deriva en patoloxías sociais como o consumo masivo de prostitución. Para Gomez, afeita a traballar con etnias de India, América Latina e Guinea Bissau nos que a prostitución só existe residualmente para o turismo, chegar a erradicar este mercado sexual é posible.
Entre as recomendacións, levar adiante campañas educativas que "cambien a mentalidade e axuden a reflexionar" a través de todos os axentes de socialización, medidas "máis a medio prazo pero máis efectivas e que axudarían a cambiar a actual afectivo-sexual e a que España deixara de ser un dos países nos que máis se consume sexo de pago".