Receitas para ser feliz dará Javier Urra en Ferrol

Receitas para ser feliz dará Javier Urra en Ferrol

08 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O doutor en Psicoloxía, primeiro Defensor do Menor, Javier Urra impartirá mañá martes na Casa Solidaria de Ferrol unha conferencia na que ofrecerá aos asistentes as “receitas” para compartir felicidade ao tempo que dará “consellos de amigo para desfrutar da vida”. Será ás 19.30 horas e está organizada polo Concello de Ferrol e o Instituto Coca-Cola de la Felicidad.

No marco desta conferencia, tal e como fai no seu último libro publicado: “Receitas para compartir felicidade”, Javier Urra desgranará reflexións, vivencias e sentimentos acerca de como vivir a vida para facela máis amable, máis vida, proporcionando diversas receitas para acadar este obxectivo. Entre estas, “Rodearse de xente maxa e simpática”, “Vacunarse contra a indiferencia”, “Dar a fondo perdido”, “Viaxar, viaxar e viaxar”, “Fixarse en todo o que temos”, “Deitarse cunha idea que faga sorrir” ou “Relativizar os disgustos”, entre moitas outras. Especialista en Psicoloxía Clínica e pedagogo terapeuta, Javier Urra traballa como psicólogo forense na Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza e Xulgados de Menores de Madrid desde o ano 1985. Foi o primeiro Defensor do Menor na Comunidade de Madrid de 1996 a 2001 e presidente da Red Europea de Defensores do Menor. É conferenciante habitual en foros nacionais e internacionais e é autor de diversos libros como “Educar con sentido común”, “¿Qué ocultan nuestros hijos?”, “El pequeño dictador, cuando los padres son las  víctimas” ou “Mujer creciente, hombre menguante”. Actualmente é colaborador do Instituto Coca-Cola de la Felicidad. A conferencia de javier Urra celebrase na Casa Solidaria -rúa Velázquez esquina coa avenida de Vigo-.

Sociedade