Reclaman un servizo contra-incendios

Reclaman un servizo contra-incendios

25 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

O PP de Redondela esixe ao goberno local a criación dun servizo anti-incendios no municipio. Os populares lamentan os danos causados pola queima provocada e sen control de varios contedores do lixo.Unha declaracións que os concelleiros do PP fan logo dos feitos ocorridos a semana pasada nas parroquias de Chapela e Redondela, onde varios colectores do lixo arderon a consecuencia de lumes provocados.

Afirman dende o PP que a ausencia de Protección Civil e do Grumir neses días agravou aínda máis a situación, orixinando danos nas inmediacións do lugar do incidente; suceso que ao entender da popular Laura Alonso “podería terse evitado de existir uns servizos de bombeiros ou anti-incendios no Concello”.

Amosando o seu malestar pola carencia dun servizo como pode ser un camión de bombeiros que estea dispoñible en calquera situación de emerxencia, dende o PP esixen ó goberno local que solvente de inmediato esta carencia “pois un concello de 30.000 habitantes non debería depender doutras localidades contiguas para solucionar estas urxencias de lumes”. Unha dependencia que está a provocar que cuestións que nun principio suporían danos leves, “se convertan en catástrofes, cunha reparación moito máis custosa para o cidadán de a pé”, polo que reclaman, unha vez máis, que “o concello tome boa nota do asunto e presente unha solución xa”, sinala Alonso.

 

 

 

Institucional