Reclaman unha banca pública para que fluia o creto

Reclaman unha banca pública para que fluia o creto

23 de Outubro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

Unha banca pública permtiría achegar recursos ás pequenas empresas e as familias, afirmou hoxe o secretario xeral da CIG Xesús Seixo. O sindicato nacionalista manifestouse este mediodía polas rúas céntricas de Santiago de Compostela.

Preto de 3.000 persoas sumáronse á convocatoria da CIG, na primeira mañá de chuvia e frío deste outono, para exixir un cambio radical nas políticas que os gobernos da Xunta e do Estado veñen aplicando. Así o demandou o secretario xeral, Suso Seixo, quen denunciou que hoxe, as traballadoras e traballadores galegos “estamos claramente ameazados por políticas económicas de recorte do gasto social” que levan, dixo, a un “incremento do desemprego, á destrución do tecido produtivo” e que poñen en perigo servizos sociais básicos como a sanidade e o ensino públicos.

O secretario xeral da CIG lembrou que esta manifestación insírese na campaña de denuncia e de concienciación social que vén desenvolvendo a central sindical desde o comezo da crise económica. “Queremos denunciar o carácter antisocial e inxusto, a fraude que representan esas políticas que prexudican e castigan a aqueles que non temos culpa da crise, mentres benefician claramente aos seus responsábeis: á banca, os especuladores e á oligarquía financeira”.

Unha campaña baixo o lema “Si, existen alternativas” coa que a CIG demanda a aplicación doutras políticas que beneficien e estean ao servizo da maioría social, entre outras, unha profunda reforma fiscal; incremento do investimento produtivo; creación dunha banca pública; intervención directa do BCE para acabar coa especulación coa débeda pública; mellora do poder adquisitivo dos salarios; creación de empresas públicas nos sectores estratéxicos e soberanía nacional, “para poder decidir por nós mesmos e en función dos intereses das clases populares galegas”.

Respecto da reforma fiscal, Seixo explicou que a CIG aposta por “incrementar os impostos ás rendas máis altas, ás grandes fortunas, ao capital”; por combater a fraude fiscal, que “supera os 60.000 millóns de euros”, do que son responsábeis en máis dun 70% a banca e as grandes fortunas e por suprimir os paraísos fiscais, que é a principal vía de evasión de impostos. “Esta sería a mellor política para loitar contra o déficit público e non a de recorte do gasto social e do investimento público”, afirmou.

De feito, defendeu, que fronte a caída do investimento privado, “a única vía para reactivar a economía e xerar emprego é a de incrementar o investimento público en infraestruturas, I+D, mellora dos servizos públicos...”

Sociedade