ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Fene pon en marcha “Mulleres da Reconversión”, un proxecto que nace para reivindicar o papel activo das mulleres nas familias e na comunidade durante a reconversión naval. A Deputación da Coruña impulsa esta iniciativa de memoria e igualdade que culminará cun documental, unha exposición itinerante e unha publicación dixital. Foi presentado esta mañá na Casa do Concello pola alcaldesa, Sandra Permui; a deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, Sol Agra, e a directora de Navantia Fene, Carla Chawla.

Fene honra as mulleres que desenvolveron un papel fundamental nos difíciles tempos da reconversión. Porque os efectos da reconversión non os padeceron so os homes, nin foron eles os únicos quen se sacrificaron para superalos. “Mulleres da Reconversión” é un proxecto que nace en Fene, destacou a alcaldesa no que o Concello conta coa colaboración da Deputación provincial e de Navantia. “Un acto de xustiza coas mulleres”, afirmou a alcaldesa, Sandra Permui, que se define como filla da reconversión. “Non foi só un titular de xornal, a reconversión foi algo que entrou nas casas, foi medo, incerteza, rabia, pero tamén solidariedade e moita dignidade”, destacou a rexedora, que era unha nena cando se produciu a reconversión pero garda unha memoria viva daqueles tempos. “Momentos moi duros en Fene e na comarca”.
Conversas, visitas ao estaleiro, unha exposición e a gravación dunha curtametraxe están previstas no proxecto que forma parte a programación con motivo do 8M da Deputación, salientou a deputada de Igualdade, Sol Agra. Destacou que “Mulleres da Reconversión forma parte da aposta decidida da Deputación da Coruña por integrar a memoria, a igualdade e a xustiza social nas políticas públicas”, subliñando que o proxecto está aliñado cos obxectivos do Plan de Igualdade Provincial e forma parte da programación especial do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller. Agra puxo en valor “a necesidade de recoñecer o papel das mulleres non só como acompañantes, senón como suxeitos activos da historia económica e social do noso territorio”.
A directora de Navantia Fene, Carla Chawla, ofreceu todo o apoio da empresa pública ao proxecto. Amosou o compromiso da empresa coa iniciativa, como con todas as iniciativas relacionadas coa promoción da muller no ámbito naval, anunciando a súa disposición a colaborara activamente na documentación do proxecto, ao tempo que adiantou a organización dunha visita das mulleres participantes ao estaleiro, como xesto simbólico de recoñecemento e conexión entre pasado, presente e futuro da muller na actividade naval.
Publica o teu comentario agora