Recuperando a horta de Quinín

Recuperando a horta de Quinín
28 de Novembro, 2022 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

A Agrupación Instrutiva de Caamouco actúa na Horta de Quinín. A entidade está a executar nestes momentos o proxecto de consolidación, rehabilitación e posta en uso da casoupa situada nese espazo. A construción, que presentaba un estado case ruinoso, será recuperado agora grazas a un ambicioso proxecto da Xunta Directiva, que conta co apoio económico da Deputación da Coruña e a colaboración do Concello de Ares. 

A horta de Quinín en Redes

O proxecto contempla a drenaxe interior da construción, a recuperación e reconstrución dos muros, novo tellado de tella do país, fundición do chan interior e instalación de fiestras e porta. Búscase a solución máis simple, que menos impacto visual e construtivo teña sobre a edificación orixinal, o máis respectuosa posible coa contorna e empregando materiais tradicionais. O obxectivo principal, frear o seu avanzado estado de deterioro e dotalo de usos, entre eles, almacenaxe de ferramentas de horta e un espazo 'vestiario' para que os usuarios e usuarias poidan deixar as súas pertenzas e/ou roupa de rúa cando participan en actividades de horta.Neste momento un grupo dunhas 10 persoas participa como voluntariado no cultivo do terreo.
O investimento estimado por parte da Agrupación Instrutiva para esta primeira parte dos traballos supera os 15.000 euros, dos que a Deputación da Coruña achega 8.500 €. A cantidade restante será asumido por fondos da propia entidade.
A herdanza
Xoaquín Rojo Seijas, pintor de Redes afincado en Madrid, faleceu no ano 1998. No seu testamento sorprendíanos a todos deixando parte do seu legado á Agrupación Instrutiva de Caamouco. Deixou á Sociedade unha extensa colección dos seus cadros e tamén a súa biblioteca, con importantes títulos relacionados coas artes. Tamén un pequeno terreo, de pouco máis de 300 metros cadrados que, dende aquel momento, pasou a ser propiedade da Agrupación Instrutiva de Caamouco. 

Cultura

Publica o teu comentario agora