Recuperando o bieiteiro

Recuperando o bieiteiro
12 de Abril, 2023 - 12:09 h. | Publicada por Radio Fene

Carabuñas é unha pequena empresa galega, con sede en Vilar de Santos, na provincia de Ourense, que elabora todo tipo de produtos partindo do sabugueiro ou bieiteiro. As propiedades medicinais deste arbusto eran coñecidas de vello no rural, pero nos tempos modernos, coa emigración ás cidades, os seus valores fóronse esquecendo, como sinalou Eva González a Radio Fene.

ESCOITA O PODCAST:

Marmeladas, viño, cervexas, licores, bombóns. Son moitos os produtos que elabora, desde hai dez anos, a empresa Carabuñas que está a recuperar e por en valor este arbusto. “É un arbusto que se estende por toda Galicia e que se aproveitaba hai anos, nós intentamos recuperalo e darlle novos usos”. “Ten moitísimas propiedades medicinais”. Importante fonte de antioxidantes, serve para tratar procesos catarrais e gripes, feridas, queimaduras e ata conxuntivite. Do sabugueiro ou bieiteiro aprovéitanse follas, flor, froitos, miolo a pel… e serve para procesos catarrais.Teñen plantacións en Vilar de Santos e no norte de Portugal e fan todo o proceso de cultivo, transformación e comercialización. Os seus produtos están á venda en tendas delicatesen e tamén a través da páxina web da empresa. “A maioría da nosa produción vendémola en Galicia”. Carabuñas e o potencial do sabugueiro abrirá, o día 21 de abril, o ciclo de charlas “Apostando polo sector primario” que terá lugar en San Sadurniño, na Casa da Xuventude, con motivo da XXVI Feira da Plantación. 

Sociedade

Publica o teu comentario agora