Recuperando as prácticas nas empresas

Recuperando as prácticas nas empresas
21 de Xaneiro, 2021 - 12:50 h. | Publicada por Radio Fene

Acompáñannos os profesores Fernando Fresnillo, Juan José Seijo e o ex alumno do IES de Fene, Bruno Mouriz. Con eles analizamos a importancia da educación profesional, as especialidades do centro fenés, a necesidade da colaboración das empresas para a realización das prácticas e os proxectos que teñen de aumentar a oferta educativa.

ESCOITA O PODCAST:

Superar o confinamento foi moi complexo para o profesorado e alumnado de FP no IES de Fene. A maior dificultade foron as prácticas porque neste tipo de ensinanzas, non hai pantalla que substitúa o contacto directo do alumnado coa maquinaria ou obxectos do seu traballo . É dicir que para eles é moi importante ter “as mans na masa”. “Hai cousas que non se poden trasladar á tele- ensinanza” advirte o profesor do IES Fene, José Juan Seijo. Poñen exemplos como cablear un automatismo, facer unha peza no torno. “Hai que poñer as mans”.

A pandemia pillou a moitos alumnos realizando as prácticas nas empresas. Moitas delas quedaron no limbo e se van recuperando este ano, segundo o profesor Fernando Fresnillo que explica que “ todo se complicou desde marzo . Adaptarse ás plataformas si, pero logo había que explicarllo ao alumnado. Fumos trampeando”. Bruno Mouriz, ex alumno do IES Fene na FP Dual cóntanos a súa experiencia. Incorporouse en xaneiro de 2020 a unha empresa na que traballaba 8 horas que compaxinaba co centro educativo cando podía. Tras os dous meses de confinamento puido volver á empresa e continuar as súas prácticas en mantemento eletrotromecánico. Nese senso síntese afortunado.

Os programas Erasmus da FP quedaron truncados coa pandemia. Enviar rapaces por Europa adiante nestas circunstancias non é recomendable. Quedou en suspenso pero, advirte Fernando, continuaremos cando se poida. José Juan, como responsable da Educación Dual no IES de Fene, quere potenciar esta especialidade e ten en proxecto coidar o maior contacto coas empresas, aínda que de entrada non estean directamente relacionadas coas materias que se imparten no centro de Barallobre. Nese sentido convídaas a que se dirixan ao centro sen medo. Recórdannos que as especialidades que se imparten en Barallobre son as de caldeirería- soldadura, frío, calor, auto moción, mantemento e mantemento electromecánico. A FP Dual significa compartir a formación entre a empresa e o centro educativo, mesmo se hai que adaptar o currículum. “As empresa necesitan ter unha canteira de xente preparada para determinados traballos” afirma Seijo. E engade Bruno “Non todos imos ser enxeñeiros ou médicos, se rompe a billa alguén ten que amañala”. A maiores do currículum oficial, no IES de Fene programan cursos específicos como o de formación do profesorado, manipulación de maquinaria ou hidráulica.

Profesores e alumno déixannos co mel nos labios cando nos anuncian a súa intención de aumentar a oferta educativa co fin de axudar a aumentar a empregabilidade nunha comarca moi castigada. E aquí nos mataron: “Dentro de pouco nos van coñecer polo Estado adiante”.

 

(Na imaxe, de esquerda a dereita, José Juan Seijo, Bruno Mouriz e Fernando Fresnillo)

Sociedade

Publica o teu comentario agora