Referencia mundial no coidado do planeta

Referencia mundial no coidado do planeta
13 de Agosto, 2022 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

O Castelo de Santa Cruz foi adquirido polo Concello de Oleiros na década dos 80 e a día de hoxe acolle a sede do CEIDA, organismo de referencia no ámbito da formación, divulgación e educación ambiental do mundo. "Estamos a punto de colaborar con Cabo Verde a posta en marcha de dúas Reservas da Biosfera”, explica o seu director, Carlos Vales. Agua, cambio climático, conservación e espazos naturais protexidos, cooperación, educación ambiental e interpretación do patrimonio, forestal, participación e comunicación, medio mariño e litoral, turismo e xestión ambiental municipal son as áreas temáticas que se traballan dende o CEIDA.

O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia promove a educación ambiental en tódolos sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadáns neste eido. O CEIDA é un centro de formación que proporciona os medios axeitados para a capacitación de profesorado e técnicos en medio ambiente, un centro de interpretación que mostra a interacción dos diversos elementos que interactúan sobre a natureza para propiciar a utilización racional dos recursos cara a un uso sustentábel, un centro de documentación que facilita a difusión de todo tipo de material relacionado con Medio Ambiente e un centro de divulgación que fomenta o coñecemento dos valores e dos problemas ambientais actuais co fin de sensibilizar e xerar unha conciencia crítica. “Se facemos un balance dos nosos logros, o ano pasado demos formación a máis de 1.500 persoas e nas actividades de educación ambiental participaron máis de 35.000 persoas. Isto significa que hai xente interesada en todas estas temáticas porque o planeta está cada vez máis degradado e cada vez o estamos deteriorando máis por culpa do modelo económico e polas prácticas de produción e consumo. É lóxico que apareza unha conciencia ambiental e a necesidade de intentar atrasar ese proceso de degradación que é moi preocupante”, afirma Carlos Vales, director do CEIDA.

 

Na imaxe, o Castelo de Santa Cruz (Oleiros), sede do CEIDA.

Sociedade

Publica o teu comentario agora