ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
A biblioteca do Colexio Os Casais de Maniños leva o seu nome. Tamén recibiu homenaxe no IES de Fene. O nome de Paula Carballeira Cabana destaca no mundo do teatro en Galicia e máis alá. As súas obras e as súas palabras teñen navegado por medio mundo engaiolando a todo tipo de públicos. A súa creación é tan inmensa que xa non collería nos petroleiros máis grandes do mundo que se lanzaban ao mar na ría.

A 42ª A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia viviu o venres 24 de xullo un dos momentos máis emotivos da súa 42ª edición coa entrega do Premio de Honra da MIT a Paula Carballeira, un recoñecemento á súa ampla traxectoria como actriz, dramaturga, directora, narradora oral e unha das creadoras fundamentais da escena galega contemporánea. O acto reuniu representantes do sector teatral e público para render homenaxe a unha autora que entende o teatro como un espazo de memoria, de conciencia e de compromiso cívico.
Durante a entrega, César Fernández, alcalde de Ribadavia, amosou a súa ledicia por “contar coa homenaxeada, ter ocasión de recoñecer a súa traxectoria, o seu traballo e poder gozar de todo o que lle ofrece ao mundo desde as distintas facetas da súa labor profesional.”
Sabela Mendoza, da dirección da MIT, puxo o acento en que a voz de Carballeira “está considerada unha das máis recoñecidas da narración oral contemporánea, non só pola extraordinaria calidade interpretativa, senón pola capacidade para facer dialogar a tradición oral galega coa creación actual” e tamén engadiu que “esa concepción da narración oral, que tamén formulou dende a reflexión ensaística e a docencia, converteuna nunha figura de referencia dentro e fóra de Galicia, levando os seus espectáculos a bibliotecas, teatros, centros de ensino e festivais internacionais de Europa, América Latina e África e converténdose en mestra de futuras xeracións de narradoras e narradores.”
Pola súa banda, Gena Baamonde, tamén do equipo de dirección da MIT e antiga compañeira de traballo da homenaxeada ao longo dos seus trinta anos de carreira, quixo destacar a súa capacidade para “desenvolver boa parte dun traballo que contribuíu a renovar o teatro galego contemporáneo, sempre desde a defensa dunha escena comprometida coa calidade artística e coa función social da cultura.” Ademais, “toda a súa escrita teatral distínguese pola precisión do diálogo, pola construción de personaxes de grande humanidade e pola capacidade para abordar cuestións de profunda dimensión ética sen renunciar á beleza, ao humor nin á poesía, converténdoa nunha das dramaturgas máis relevantes da escena galega contemporánea”, engadiu.
Ao recoller o galardón, Paula Carballeira expresou o seu agradecemento á Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, que cualificou como “un referente e un acto de amor”. A dramaturga tamén quixo aproveitar a ocasión para darlle as grazas a todas as persoas que pasaron pola súa vida e que fixeron que sexa o que é hoxe en día. “Son filla dunha época, e iso é importante porque comecei nunha escola de teatro municipal con xente moi implicada que nos animaba a escribir, tamén sucedeu o mesmo nos grupos de teatro das universidades e, moi pouco despois abríronse as salas alternativas”. “Aí formámonos como profesionais pero tamén como espectadoras, e iso é o que pasa en Ribadavia, tanto para a xente que se dedica ao teatro como para a que vén ver as obras”, indicou.
A MIT, que organiza o Concello de Ribadavia, conta un ano máis co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais – Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e o Ministerio de Cultura. Ademais, a programación da 42ª edición é posible grazas á colaboración de entidades como AC/E Acción Cultural Española, CDG Centro Dramático Galego, Secretaría Xeral da Lingua, Bienal de Artes Vivas de Pontevedra, Colectivo RPM, Escola Galega de Clowns, AAAG Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Artesanía de Galicia ou Fundación ONCE; entre outros patrocinadores e apoios que fan posible unha nova edición da MIT.
Publica o teu comentario agora