A reforma da Política Pesqueira Común reducirá o tamaño da frota galega

A reforma da Política Pesqueira Común reducirá o tamaño da frota galega

24 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

A Unión Europea vén de dar o “pistoletazo” de saída á reforma da Política Pesqueira Común coa aprobación do Libro Verde. Nese informe asegúrase que o 88% das poboacións de peixe sofren sobreexplotación e proponse como solución a redución da frota comunitaria. Os armadores galegos non concordan con esa análise sobre o excesivo aproveitamento dos caladoiros; pero si consideran que, de non mudarse o reparto d

"Non vai quedar unha soa pedra sen remover”. Así se expresou o comisario europeo de Pesca, Joe Borg, para pór de manifesto que o sector non se atopa ante unha simple reforma, senón ante un profundo cambio estrutural. A publicación do Libro Verde abre un período de debate que culminará cunha nova lexislación arredor da política pesqueira. O principal obxectivo marcado polo executivo comunitario é o de frear o esgotamento dos recursos. Os seus datos aseguran que o 88% das poboacións de peixe sofren pesca excesiva, mentres que a media mundial sitúase no 25%. Ademais, indican que no 30% dos casos superáronse os límites biolóxicos seguros; é dicir que as especies xa non teñen posibilidades de recuperación. O xerente adxunto da Cooperativa de Armadores de Vigo, José Antonio Suárez Llanos, rebateu nos micrófonos de Radiofusión esas cifras. Argumentou que sobre a inmensa maioría das especies non existen cálculos “fiables” e, no tocante ao peixe co que traballan os barcos galegos, asegurou que o estudos proban o “bo estado” das poboacións de rape, pescada e gallo.

Malia eses opostos puntos de vista sobre a situación dos recursos, os armadores si ven necesaria unha redución da frota. Segundo Suárez Llanos, o actual reparto de cotas deixa con poucas posibilidades de pesca aos buques galegos e pensa que antes do 2012 terán desaparecer entre un 20 e un 25% das embarcacións. Esa reforma, explicou, deberase realizar de xeito progresivo e afectará sobre todo aos barcos que faenan no Gran Sol.

O Goberno español defende outra solución, que pasaría pola modificación do sistema que reparte os dereitos de pesca entre os estados membros. Os armadores galegos apoian esa idea, pero considérana “pouco viable”. José Antonio Suárez Llanos lembrou que a división de cotas se realizou hai máis de 25 anos, antes de que España entrase na Unión Europea, e non cre que os estados con máis dereitos pesqueiros renuncien agora a unha situación que leva tanto tempo inamovible.

Sociedade