A relación de Curros con Portugal a través de Alberto Sampaio

A relación de Curros con Portugal a través de Alberto Sampaio

14 de Xuño, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

A exposición “Os frutos da terra em Alberto Sampaio”, elaborada no ámbito das Conmemoracións do Centenario da morte de Alberto Sampaio en 2008, realiza un programa de itinerancia por institucións culturais de Galicia. Neste mes de xuño, organizada pola Fundación Curros Enríquez, será acollida na Casa dos Poetas en Celanova. A inauguración terá lugar o xoves, 16 de xuño ás 20 ho

Nesta exposición son abordadas, separadamente, seis temáticas – a viña, o campo, a horta, o pomar, o xardín e o bosque –, as cales constituíron materia de estudo e de experimentación nas propiedades no Minho de Alberto Sampaio. Con esta mostra pretendeuse, tamén, traer de novo a memoria colectiva, a visón do mundo rural tal como se manifestaba en pleno século XIX, evidenciando algunhas das prácticas mais antigas, moitas delas símbolos da identidade de unha forte cultura popular.

Nos dez paneis expositivos apélase a un encontro coa natureza e a “rítmica sucesión dos traballos rurais”. Somos postos diante dun cadro da historia agraria portuguesa. A aproximación ao intelectual e agricultor faise a través de diversos obxectos e publicacións que lle pertenceran, expostos en vitrinas que completan a exposición. Os instrumentos do seu laboratorio, usados nas súas experiencias vinícolas, os premios das exposicións realizadas en Philadelfia (1876), Porto (1880), Lisboa (1884), Berlín (1888) e París (1889) e os libros especializados que comprou nas súas viaxes a Francia e Inglaterra, cos estudos máis recentes.

Curros e Portugal

Manuel Curros Enríquez estivo moi interesado nos acontecementos políticos e literarios de Portugal. Ademais de manter contacto a través do correo con varios intelectuais portugueses, Curros foi considerado un gran tradutor da lingua portuguesa, tanto ao galego coma ao castelán, pola fidelidade que mantiña co espírito das composicións.

O seu interese literario centrouse principalmente nos poetas máis comprometidos co desexo de cambio do momento como foron Guerra Junqueiro, Teófilo Braga e Antero de Quental. Cada un deles deixou unha fonda pegada na obra e ideoloxía do poeta celanovés. O anticlericalismo de Guerra Junqueiro, o republicanismo federalista de Teófilo Braga e o republicanismo e preocupación polos temas socias de Antero de Quental.

O iberismo e prolusismo de Curros vese neste fragmento dun artigo publicado por el en El Correo de Celanova:
“Destruid esa “raya”, que separa como una muralla de odio, una familia de hermanos, convirtiéndola en extranjera, y sobre las ruinas de esa muralla tended el puente por el cual se comunique y enlace el corazón de Galicia al corazón de Portugal, restableciendo la obra de Dios, que destrozaron los reyes; y haciendo que uno y otro se completen por justaposición, viviendo en el porvenir como vivieron en el pasado, unidos por los lazos de la fraternidad y del amor, según conviene á pueblos de la misma raza y con la misma historia”. 

Durante o período que traballou en Madrid en El Porvenir, Curros creou unha sección denominada La lira lusitana na que deu a coñecer a poesía portuguesa en España coa tradución de poemas de Guerra Junqueiro e Teófilo Braga. Ademais doutras traducións soltas de poemas en diversos xornais, Curros levou ao castelán a obra de Pinheiro Vargas A Morgadinha de Valflor baixo o título de La Condesita.

Cultura