As relacións entre Carvalho e Torrente

As relacións entre Carvalho e Torrente
08 de Xaneiro, 2021 - 10:00 h. | Publicada por Radio Fene

As relacións entre Ricardo Carvalho Calero e Torrente Ballester pasaron por diferentes momentos. Mentres Torrente foi moi negativo para el, semella que Carvalho, cando menos para fora, perdooulle.

ESCOITA O PODCAST:

Antes de 1936 os dous escritores ferroláns  coincidiron estudando na súa cidade. Despois coincidiron na dirección do PG na localidade. Cando o golpe de Estado, Torrente encontrábase en Francia disfrutando dunha bolsa de estudos. Cando regresa, comprométese co réxime franquista onde chegou a ser unha autoridade a novel local e de Galicia. Segundo defende o biógrafo de Carvalho Calero, Martinho Montero, o informe que enviou Torrente a Xaén sobre Carvalho prexudicouno absolutamente e puido ser moi perigoso. Nun primeiro momento Carvalho estaba sendo xulgado por ser tenente do exército republicano, algo que non se consideraba  grave e de feito o fiscal pedirá a absolución, pero chega o informe de Ferrol e cambia todo. Pídenlle a Carvalho cadea perpetua.

Que dicía o informe asinado por Torrente?

Dicía que Ricardo era boa persoa pero de ideas separatistas como militante do PG e, engadía, que fora compromisario do PG na elección de Manuel Azaña. A raíz deste informe, condean ao profesor ferrolán a unha pena de 12 anos de prisión.

Que pasou despois con esa relación?

Cando Ricardo volve a Ferrol en liberdade condicional, a actitude de Torrente Ballester foi moi belixerante, moi negativa. En palabras de Montero, “Torrente comportouse como un difamador, tratábao mal e dicíalle que estaba vivo grazas a el”. Hai que ter en conta que Torrente era un xefecillo do réxime en Ferrol. Conta Montero que cando Franco veu á cidade en 1948 para inaugurar un monumento a Churruca, Torrente fixo de cicerone do ditador, como queda patente no NODO que informa daquel día. Ademais diso, afirma Montero que Torrente publica na prensa numerosos artigos sobre a guerra mundial. “Eran terribles” afirma.

Martinho Montero preguntoulle repetidas veces a Carvalho por esa relación pero el esquivaba as preguntas. Nunca falou mal del. Ata o punto que Carvalho publicou un comentario sobre a obra de Torrente “Los gozos y las sombras” que fora levada como serie exitosa a TVE. Torrente quixo visitalo no seu departamento da Universidade e así o fixo. “Carvalho recibiuno con cordialidade. Era moi xeneroso”.

Cultura

Publica o teu comentario agora