As relacións galegas con Cabo Verde

As relacións galegas con Cabo Verde

12 de Novembro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

As autoridades da República de Cabo Verde amosaron o seu interese en acordar coa Xunta de Galicia accións formativas en materia náutico-pesqueira e posta en marcha de industrias relacionadas co mar, asuntos nos que a Comunidade galega atesoura unha experiencia e un nivel de excelencia coñecido en tódolos países marítimos do mundo.

Este é un dos principais aspectos abordados nas respectivas entrevistas que mantivo o secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, co presidente da Cámara Municipal (alcalde) da illa de San Vicente, Augusto Neves, e a ministra de Emprego, Desenvolvemento de Recursos Humanos e Xuventude de Cabo Verde, Janira Isabel Fonseca Hopffer Almada, quen ademais asegurou que contempla realizar en breve unha viaxe oficial a Galicia para coñecer os detalles desa posible colaboración, e tamén visitar algunhas das instalacións galegas máis senlleiras neste eido.

Ambos altos responsables dos poderes municipal e nacional do arquipélago expuxeron o seu interese por estes asuntos a Camba, quen explicará os detalles polo miúdo á conselleira do Mar, Rosa Quintana, ao seu retorno a Galicia. O responsable de Emigración, ademais, comprometeuse a remitir información sobre algúns clusters postos en marcha en Galicia e que resultan igualmente atractivos para o país da costa oeste africana.

Esta vía de colaboración vense a sumar á aberta co país africano en outubro pasado cando unha delegación de caboverdianos encabezada polo secretario de Estado dos Recursos Mariños, Adalberto Vieira, visitou a nosa comunidade. Nesa ocasión foron recibidos pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, e por outros representantes da Consellería encargados de amosarlles as potencialidades do sector e industrias pesqueiras galegas.

Inmigración
Pola súa banda, Camba e as autoridades caboverdianas tamén tiveron tempo hoxe de analizar a posibilidade de que Galicia amose camiños que resulten útiles ao país africano en materia de integración de poboación inmigrante. O mesmo que aconteceu recentemente con Galicia, en Cabo Verde estase dando un proceso de retorno de parte da diáspora, e por primeira vez na súa historia comeza ser un punto de acollida da inmigración, fundamentalmente da costa oeste do continente, afastada tan só unhas ducias de millas mariñas.

Neste senso, Camba puido informar dos esforzos que en materia de integración cultural, laboral, e social dos inmigrantes se están a realizar desde o Goberno galego, no marco da clausura do programa internacional “Opción + Futuro”, financiado pola Unión Europea, e no que teñen participado organizacións de cinco países de fala lusófona, entre elas a galega Ecos do Sur.

Entre as experiencias máis destacadas no aspecto de integración de colectivos inmigrantes numerosos cabe salientar, precisamente, o dos caboverdianos na Mariña Luguesa, vinculados de maneira moi significativa ao traballo no mar.

Cultura