Remodelación da casa cuartel

Remodelación da casa cuartel
23 de Decembro, 2021 - 07:22 h. | Publicada por Radio Fene

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, anunciou o investimento de 609.840 euros para a remodelación exterior e interior do cuartel da Garda Civil de Fene, para mellorar a súa eficiencia enerxética, gañar en calidade habitacional e convertilo nun cuartel enerxeticamente sostible. Explicou que esta actuación amosa a aposta do Goberno pola mellora dos servizos públicos, pola seguridade da veciñanza e pola transición ecolóxica “nunha recuperación xusta e igualitaria en todo o territorio, incluida a comarca da Ferrol”.

Casa cuartel da Garda Civil de Fene

A subdelegada do Goberno desprazouse a Fene onde puido coñecer as instalacións do cuartel, construido en 1973 e que conta con 23 axentes. Na visita estivo acompañado polo alcalde de Fene, Juventino Trigo; o xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Francisco Javier Jambrina; e o polo brigada xefe do cuartel de Fene. Francisco de Borja Gudiña.

O proxecto do cuartel de Fene forma parte do conxunto de actuacións que impulsará o Goberno Central en 16 equipamentos do Ministerio do Interior en Galicia co obxectivo de promover o aforrro e a eficiencia enerxética. O investimento, de 21 millóns de euros, procede dos fondos do do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, en concreto do Plan de Transición Enerxética da Administración Xeral do Estado. O listado de actuacións foi acordado entre os Ministerios para a Transición Ecolóxica e o do Interior.

María Rivas lembrou que “a transición enerxética é un compromiso prioritario deste Goberno, que debe chegar a todos os ámbitos, e unha esixencia para garantir o futuro das xeracións que nos sucederán”. E explicou que, na provincia da Coruña, o Goberno mellorará tamén as instalacións da Garda Civil en Corcubión e as comisarías da Policía Nacional da Coruña e Santiago, cun investimento nesta provincia que supera os 2,7 millóns de euros.
No cuartel de Fene, sobre unha superficie de 1.200 m2, mellorarase o aillamento exterior, tanto das paredes como da cuberta asi como as fiestras. Tamén se mellorará a iluminación interior. Por último, prevese a instalación de paneis solares para o abastecemento de enerxía. “Con todo isto aforraremos como mínimo o 30% do total da enerxía do edificio e reduciremos o consumo da enerxía tradicional e emisións de CO2”, engadiu a subdelegada. A actuación estará rematada en 24 meses.

Institucional

Publica o teu comentario agora