Remozado da praza Ramón Souto

Remozado da praza Ramón Souto
30 de Setembro, 2022 - 01:54 h. | Publicada por Radio Fene

Comezaron as obras de renovación da pintura dos porches e do balcón da casa consistorial de Fene. Os traballos, adxudicados á empresa Prace Obras y Servicios, supoñen un investimento lixeiramente superior aos 61.000 euros, e con eles faráselle un profundo lavado de cara ao entorno da praza do Alcalde Ramón Souto, escenario dos eventos principais organizados polo Concello ao longo do ano.  Os traballos iniciáronse co lavado a presión e o lixado de todas as superficies para deixalas totalmente limpas e para retirar descamacións de pintura e cemento que puidesen afectarlle á adherencia do emplastecido e da pintura que, previsiblemente, se empezará a aplicar a semana que vén ante as previsións de tempo seco. 

Fotografía: Cesar Galdo

O proxecto ten como finalidade acondicionar todas as varandas dos balcóns e, sobre todo,  a renovación do illamento e da pintura das columnatas e terrazas, previo saneamento e selado de fendas.

 

As obras, adxudicadas en 61.096 euros tras recibir nove ofertas, forman parte do plan de conservación e mellora das dependencias municipais. O ano pasado investíronse 160.000 euros dos fondos POS+ no cambio dos ventanais e carpintarías exteriores co obxectivo de incrementar a eficiencia enerxética do edificio. No mesmo proxecto tamén se modificaron os aseos para facelos accesibles. 

 

A actuación que está agora en marcha é, segundo o titular de Obras, Justo Ardá, "un paso máis" na conservación da sede municipal e "un lavado de cara que xa había anos que lle facía falla". O edil incide no "grande cambio" que vai supor o repintado da zona "para que o Concello mostre a súa mellor cara no día a día e nos eventos que se organizan na praza".

 

O financiamento dos traballos será integramente municipal. O Concello concorreu co proxecto ás axudas da Xunta para a corrección de impactos paisaxísticos ocasionados polo mal estado de fachadas en dependencias públicas. Solicitáronse uns 20.000 euros que finalmente non viñeron concedidos por esgotamento do crédito autonómico.

Institucional

Publica o teu comentario agora