Renfe entrega este martes un novo informe sobre a perigosidade da curva de Angrois

Renfe entrega este martes un novo informe sobre a perigosidade da curva de Angrois

21 de Xaneiro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

Renfe entregará este martes o informe solicitado polo xulgado que instrue as dilixencias polo accidente de tren do 24 de xullo en Santiago de Compostela. O documento terá que incluir as actas das xuntanzas nas que se examinou a denuncia do risco do tránsito ferroviario no lugar de Angrois.

O avogado do maquinista imputado polo accidente de tren do pasado 24 de xullo en Santiago, no que morreron 79 persoas, Manuel Prieto, ten a constancia de que o informe do xefe de maquinistas da provincia de Ourense que alertaba da perigosidade da curva de A Grandeira se tratou polo menos en tres reunións.

   Prieto asegurou coñecer as datas e as persoas que acudiron a estas tres citas, polo que está á espera de que Renfe entregue ao xuíz información entre a que deben figurar as actas das reunións.

   O prazo da operadora ferroviaria conclúe este martes, toda vez que o maxistrado Luis Aláez, que instrúe o caso polo sinistro, deu tres días para que lle trasladase toda a documentación relativa ao aviso do maquinista xefe, que falaba dun cambio "brusco" de velocidade sen a suficiente sinalización.

   Sobre a posibilidade de que o foro para analizar a devandita alerta fose un de carácter técnico, no que non estivesen presentes responsables de Seguridade de Renfe, o letrado destacou que, de ser así, se debería derivar á reunión procedente.

   Segundo resalta, a Adif "ninguén lle ten que dicir que carece dun sistema de seguridade" que, a xuízo do xefe de maquinistas, era preciso na liña Ourense-Santiago. Pero se ademais "o"coñece un xefe de maquinistas, ¿como non o vai coñecer o xefe de seguridade?", chama a atención.

   Prieto fai fincapé en que Renfe tiña que coñecer ou deber de coñecer "esta carencia e, ademais, engade que, na defensa do maquinista do tren Alvia, Francisco José G., non ten "présa" --en alusión a novas accións no xulgado compostelano--.

   Así, espera coñecer este martes a documentación achegada por Renfe e "se din o que teñen que dicir", entende que será o propio xuíz o que moverá ficha. E no caso de que non digan o que na súa opinión "teñen que dicir", acometerá novas actuacións.

   Pola súa banda, fontes de Renfe informaron de que o informe se entregará este martes, cando remata o tempo dado polo maxistrado.

Sociedade