Reparación e limpeza de beirarruas

Reparación e limpeza de beirarruas
08 de Febreiro, 2023 - 12:20 h. | Publicada por Radio Fene

A Concellaría de Servizos de Fene emprendeu a comezos de ano os traballos de revisión e reparación da rede municipal de beirarrúas, principalmente naquelas zonas de paso peonil fóra do casco urbano. Neste sentido os labores están centrándose, en primeiro lugar, nunha limpeza en profundidade da súa superficie para, deseguido, repoñer enlousados rotos ou soltos.  A medida que se van desenvolvendo as obras, a brigada municipal -complementada con dúas empresas- tamén se está ocupando de renovar a sinalización horizontal e de substituír outros elementos danados que van aparecendo, como son papeleiras, bancos ou amarres de colectores. O investimento neste repaso xeral ao concello aproxímase aos 20.000 euros.

Foto: César Galdo

Segundo comenta a titular de Servizos, Sandra Permuy, o proxecto que agora está en marcha ten por obxectivo "facer traballos de conservación  naqueles puntos onde se detectan pequenas deficiencias pero que polo momento non requiren unha intervención máis profunda ou unha renovación completa".

 

O programa comezou xa antes do Nadal, pero foi tralas vacacións cando colleu ritmo, con intención de cubrir todo o territorio municipal no primeiro cuadrimestre do ano. "O plan de traballo está marcado, aínda que tamén hai que atender outras tarefas urxentes que van xurdindo en distintos puntos do territorio", apunta Permuy en relación co cronograma previsto.

 

Nestes momentos o persoal está traballando simultaneamente nas parroquias de Limodre, Barallobre e Maniños levando a cabo unha limpeza sistemática das beirarrúas con auga a alta presión, ademais de retirar manualmente herbas e sedimentos acumulados. A operación, que deixa as beiravías "cun aspecto coma se fosen novas", tamén serve para detectar baldosas soltas ou rotas "que se reparan xa no momento para garantir a seguridade peonil".

 

A maiores, o avance dos traballos tamén se aproveita para revisar o estado do mobiliario urbano, como son bancos, papeleiras e illas de colectores -ás que tamén se lles está dando un lavado en profundidade e pintándolles as bases- de cara a reparar ou susbstituír calquera elemento danado.

 

Por último, o plan municipal de acondicionamento, unha vez corrixidos os desperfectos detectados, está renovando a sinalización horizontal en bordes e pasos de cebra, xunto co cambio de sinais verticais deterioradas ou que perderon a súa capacidade reflectante.

 

O investimento total que calcula o consistorio aproximarase aos 20.000 euros, dado que "a maior parte do traballo faino persoal municipal empregando en moitos casos materiais de reposición dos que temos existencias", explica a responsable de Servizos.

 

Incidencia na DP-3503

En relación coa seguridade peonil e do tráfico, o Concello tamén informa de que se está en contacto coa Deputación da Coruña para coordinar o arranxo "o antes posible" do socavón aberto hai unhas semanas na estrada provincial DP-3503 (a estrada de San Marcos), preto do IES de Barallobre. 

 

O burato, de grandes dimensións, produciuse a raíz do último grande temporal e supuxo a inutilización nese punto do carril de baixada -está sinalizado con semáforos e valados de obra-. Segundo se explica desde o Executivo local "o Concello está planificando o arranxo das canalizacións soterradas antes de que a Deputación repoña o firme, para evitar que o problema se volva reproducir".

 

Foto: César Galdo

Institucional

Publica o teu comentario agora