Reparacións viarias

Reparacións viarias
06 de Abril, 2023 - 12:20 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene ten en marcha un programa de obras financiadas con recursos propios que se están ocupando da reparación de camiños e pistas interiores en distintos puntos do territorio. Trátase de traballos complementarios ao dos proxectos viarios principais, sufragados con plans doutras Administracións na súa maioría, orientados ao enlace entre núcleos ou con estradas principais. 

Ao longo destes días completáronse ou están a piques de executarse un total de 12 actuacións que nuns casos se solventarán con novos firmes aglomerados e noutros con formigón. Os aglomerados está executándoos a empresa Lancer, por medio dun contrato superior aos 30.000 euros que comprende reparacións coa mesma solución técnica noutras partes do municipio. Neste sentido, desde o Concello infórmase de que en todos estes puntos se producirán cortes da circulación mentres se desenvolvan os traballos. Por outro lado, en pequenos núcleos, sobre todo naqueles onde cómpre cubrir unha menor distancia ou onde hai dificultades para a mecanización dos labores por falla de espazo entre vivendas ou peches de terreos, o Concello optou pola renovación de pistas e camiños empregando formigón. Trátase dunha solución que tamén ofrece unha boa resistencia a longo prazo e que, ademais, se acompaña das necesarias infraestruturas de drenaxe. Os proxectos en marcha ou xa rematados son o do lugar da Torre, os Cadavás e a Fontenova, en Magalofes; a volta de Chamoso, en Fene; e o Escorial, en Limodre. Proximamente tamén se acometerán o acceso principal ao Parque da Hortiña, en Limodre, e a explanada situada entre o pavillón e o Colexio a Xunqueira, en San Valentín, nestes dous últimos casos empregando formigón impreso que simula un enlousado de pedra. Alén destas obras en fase de execución, o Concello de Fene tamén ten adxudicados ou en licitación outros proxectos viarios de maior importe. Tal e como figura no perfil de contratante municipal, entre eles cóntase o Camiño de Mundín, a contorna do campo de fútbol de Perlío e o Camiño de Loira, o Camiño da Garita e a rúa Beiramar e o Camiño da Rúa, que fan un total de 267.000 euros de investimento.

 

Institucional

Publica o teu comentario agora