Reparto de composteiros

Reparto de composteiros
23 de Xuño, 2021 - 08:33 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene, a través da Concellaría de Medio Ambiente, vén de sumarse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama para promover este modelo de reciclaxe dos resíduos orgánicos entre a veciñanza. A empresa pública entregaralle ao Concello 30 composteiros que se distribuirán entre a veciñanza de Fene que queira participar no proxecto xunto cun manual e a formación necesaria para utilizar correctamente os depósitos. As persoas que queiran recibir o seu composteiro poden enviar xa un correo a fenemedioambiente@fene.gal, indicando os seus datos persoais e de contacto e maís o enderezo da finca (horta, xardín ou terra de cultivo) que, como único requisito, deberá estar ubicada dentro do concello.

Marta Pereiro, concelleira de Medio Ambiente de Fene

Segundo informa a Concellería de Medio Ambiente, o reparto dos composteiros farase por orde de solicitude entre as 30 primeiras persoas que os demanden. De todos os xeitos, "se houbera máis peticicións, solicitaríanse tamén máis composteiros a Sogama para que ninguén quede sen eles", apunta a titular do departamento, Marta Pereiro.



Unha vez distribuidos os composteiros, persoal ao servizo de Sogama desprazarase ata Fene para impartir un curso sobre compostaxe doméstica. Nesta sesión de formación común explicaránselles ás persoas participantes as vantaxes ambientais, económicas e sociais vencelladas coa autoxestión da materia orgánica, así como a técnica que cómpre aplicar para obter un compost de alta calidade que cumpra os requisitos necesarios para ser utilizado en plantas e hortas con todas as garantías e sen ningún tipo de restricións para o chan. 

 
Co obxectivo de afianzar coñecementos e despexar dúbidas, as participantes no proxecto tamén recibirán, de mans de Sogama, un manual didáctico de consulta, tendo a oportunidade de ampliar información a través do sitio web www.compostaconsogama.gal.



Dende a Concellería de Medio Ambiente de Fene anímase á veciñanza  a participar no programa de compostaxe doméstica, valorizando in situ a materia orgánica xerada nos seus fogares.
 
Institucional

Publica o teu comentario agora