Repoboación con especies autóctonas

Repoboación con especies autóctonas
29 de Marzo, 2021 - 06:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Concellaría de Urbanismo de Fene iniciou estes días a tala de piñeiros e eucaliptos en varias leiras pertencentes ao Concello, nuns casos lindeiras con equipamentos e, noutros, situadas á beira de estradas ou parcelas privadas. O obxectivo da medida, que lle afectará a uns 20.000 metros cadrados de chan público, é cumprir coa normativa de prevención de incendios, pero tamén deixar os terreos preparados para levar a cabo unha iniciativa de carácter educativo e ambiental en colaboración cos centros de ensino. O proxecto -coordinado polas concellarías de Medio Ambiente e Ensino- consistirá na repoboación ordenada dos predios con especies autóctonas.

O alcalde de Fene Juventino Trigo con Manuel Polo, Angeles Coira e Marta Pereiro

As limpezas, xa iniciadas, céntranse na retirada de piñeiros e eucaliptos nunha superficie total superior aos 20.000 metros cadrados distribuídos en parcelas das parroquias de Barallobre e Limodre. A maior parte dos traballos -arredor do 75%- ocuparase da eliminación de especies pirófitas a un e outro lado da estrada que comunica o cemiterio municipal co polígono do Vilar do Colo onde, ademais, se encontra o depósito de auga que abastece a área industrial.

 

A segunda actuación desenvolverase en Limodre, nas proximidades da praia de Río Sandeu. Nos arredores do areal o Concello posúe tres pequenas parcelas de 908 metros cadrados e, igual que en Barallobre,  nelas efectuarase a corta e retirada de madeira, pero tamén a trituración de biomasa co obxectivo de non deixar nos terreos material combustible e contribuír ao mesmo tempo á fertilización do chan.  A Concellaría de Urbanismo acordou con varias empresas forestais o desenvolvemento dos traballos sen custes para as arcas municipais. "Nas propiedades municipais que se están limpando non hai masas continuas e de certa calidade que permitan un aproveitamento madeirable susceptible de sacar a poxa pública os labores de corta. Ademais, en sitios como nos arredores da praia de Río Sandeu a extracción é certamente complicada, polo que a recomendación dos técnicos municipais foi que se acordase coas empresas a limpeza dos terreos a cambio da madeira", explica o titular da área, Manuel Polo. 

 

O concelleiro engade que os traballos "proseguirán noutras zonas do Concello", como por exemplo no entorno do Cádavo, onde hai varios eucaliptos de grande porte "moi próximos ás vivendas" e que, por razóns de seguridade, tamén cómpre eliminar. A este respecto Polo recorda que a normativa autonómica de prevención de incendios esixe que se teñan limpas de maleza e especies pirófitas as inmediacións de vivendas, vías públicas e equipamentos. Unha norma "que o Concello tamén está obrigado a cumprir", ao tempo que se lle recorda ás persoas propietarias ou arrendatarias de terreos a esixencia de que o mantemento das faixas de protección se execute "antes do 31 de maio de cada ano". De non ser así, o Concello poderá actuar de maneira subsidiaria, algo que en 2020 se fixo nunha decena de propiedades privadas onde non se atenderon os requirimentos municipais. 

 

Recuperación ambiental

Trala corta e retirada de eucaliptos e piñeiros dos predios públicos onde se está traballando estes días, o Concello levará a cabo un proxecto de repoboación ordenada con especies autóctonas. 

 

Desa segunda parte encargaranse as concellarías de Medio Ambiente e Ensino, quen hoxe mesmo comezaron a definir o alcance das replantacións -que deberán axustarse á normativa de prevención de incendios- e tamén as especies que se utilizarán, aínda que a idea inicial é apostar principalmente por castiñeiros de froito e carballos. A intención de ambos departamentos é implicar nese labor aos centros de ensino feneses, como parte da formación e a concienciación ambiental da rapazada. 

Institucional

Publica o teu comentario agora