Repostería artesanal e de calidade

Repostería artesanal e de calidade

01 de Setembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

Xa van quince anos. A promoción da repostería artesanal e de calidade conta cunha cita esta fin de semana en Allariz. Alí celébrase a Feira do Doce, Amendoado e Melindre e queren concentrar especialistas nesta parte esencial da gastronomía. Ademáis de produtos de toda Galicia, tamén se ofrecerán mantecadas de Astorga, sobaos pasiegos e quesada de Cantabria.

Durante a mañá do mércores 1 de setembro presentouse na Cámara de Comercio de Ourense, a décimoquinta edición da Feira do Doce, Amendoado e Melindre de Allariz, que se desenvolverá durante os días o 4 e 5 de setembro no Paseo da Alameda. Esta Feira, que se vén celebrando dende hai quince anos, pretende promocionar os produtos con denominación de orixe de Allariz: amendoados, améndoas de pico, melindres, tarta real e licor. Obxectivo que pouco a pouco se vai alcanzando, tal como destacou Crisitna Cid, Concelleira de Promoción Económica: “o sector foise transformando nestes quince anos xa que antes estaba a piques de perderse e poucas familias ían conservar as súas reposterías, agora non só se incorporaron novos membros ao negocio familiar senón que apareceron novos emprendedores”.

A Feira desenvolverase durante toda a fin de semana, tal como explicou Cruz García Remeseiro, técnica de promoción económica do Concello. Comezará o sábado ás 10:30 h. coa apertura da Feira, e na tardiña ás 20:00 h. terá lugar o homenaxe aos reposteiros alaricanos e as 20:30 h. o pregón a cargo de Tomás Alonso, do programa televisivo Larpeiros. Durante a xornada do domingo a Feira estará aberta dende as 10:00 h. ata as 20:30 h.

Coma todos os anos, e para fomentar a repostería de calidade elaborada artesanalmente, da que Allariz é referente, convídase a artesáns reposteiros doutras localidades para que participen na Feira. Nesta ocasión contarase coa presenza de reposteiros de Mondoñedo, coa súa tarta tradicional; os sobaos pasiegos e a quesada de Cantabria; a torta de millo de Guitiriz; os ricos de Melide; e os chocolates, imperiales e yema, da man dos artesáns de Peñín e como novidade os mantecados de Astorga; ademais dos xa esperados licores e augardentes de Cabanas.

Este ano e con motivo da celebración do XV aniversario a Feira inclúe unha novidade, xa que se reunirán a tódolos homenaxeados nas anteriores edicións que recibirán de xeito conxunto unha homenaxe colectiva. Por outra banda, Pilar Vila, como representante da Asociación de Productos Artesáns, quixo agradecer ao Concello o seu apoio e os esforzos que fixeron para evitar que a repostería típica se perdera. Tamén destacou que “dende o inicio das feiras, as ventas aumentaron notablemente, e mesmo exporta o resto de España, a América e África”.

Sociedade