Represión das mulleres

Represión das mulleres
29 de Maio, 2026 - 04:30 h. | Publicada por Radio Fene

Por que ninguén falou delas? Non pode ser máis acaído o título do libro de Belén López Cillero que investigou en Galicia sobre as vítimas dunha institución represora, o chamado Padroado de Protección da Muller, creado polo franquismo e que funcionou ata ben entrada a democracia. 

 

ESCOITA O PODCAST:

O libro sobre a represión da que foron vítimas as mulleres en Galicia é froito dunha investigación realizada por Belén López Cillero que o presenta na Casa da Cultura de Fene ás sete desta tarde, por iniciativa do Concello e da Deputación da Coruña. A autora explicou en Radio Fene as dificultades que atopou na súa investigación, a desaparición da maior parte da documentación na provincia da Coruña e agradeceu o apoio que lle deron no Arquivo de Pontevedra. Tamén tivo ocasión da falar con algunhas das mulleres ás que coartaron a súa vida e a súa liberdade desde a adolescencia. A algunhas roubáronlle os fillos recen nacidos para entregarllos a outras familias. Contounos Belén que durante o franquismo existía unha especie de policía da moral que vixiaba ás mozas en lugares como praias ou salas de baile. O Concello convida a toda veciñanza de Fene a acudir ao acto para coñecer como eran as cousas para as mulleres nun pasado non tan remoto. 

Sociedade

Publica o teu comentario agora