Reprobación sen censura

Reprobación sen censura

09 de Febreiro, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

Os socialistas indican que "de momento non está na axenda a presentación dunha moción de censura" ao alcalde de Ourense Jesús Vázquez (Partido Popular). Pero os votos do PSOE (seis) xunto cos de Democracia Orensana (oito) suman a maioria fronte aos dez concelleiros populares.

 O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, foi reprobado este luns cos votos de Democracia Ourensá (DO) e o PSdeG, aínda que o portavoz dos socialistas, Xosé Anxo Vázquez Barquero, non recolleu a luva lanzada por Gonzalo Pérez Jácome e puntualizou que "na axenda do PSOE neste momento non está unha eventual moción de censura". O PP, con 10 edís, goberna en minoría o Concello de Ourense desde as eleccións do pasado mes de maio, fronte ao oito de Democracia Ourensá, seis do PSdeG e tres de Ourense en Común, cuxos concelleiros se abstiveron na votación no pleno extraordinario deste luns, mentres que os 'populares' deixaron patente o seu rexeitamento. Ademais das invitacións do portavoz de DO a sumarse a unha moción de censura, o propio alcalde ourensán retou aos socialistas a que, "se son coherentes", se sumen aos de Jácome para desaloxar ao PP do Concello.
Os votos de DO e PSOE reprobaron o labor do alcalde popular. Á saída do pleno, un home increpou ao portavoz de DO nas escaleiras do Concello, ante o que Jácome pediu a intervención dos membros da Policía Local para que o identificasen. Antes, durante a sesión no Concello, explicou os motivos que lle levaron a impulsar a reprobación e que se centraron en tres eixos: que non se respectan as mocións votadas por maioría no pleno, o atraso na presentación dos orzamentos da cidade e a ausencia de grandes investimentos desde "administracións amigas".

O portavoz socialista, Xosé Anxo Vázquez Barquero, non entrou no xogo de Jácome e insistiu en que "na axenda do PSOE" neste momento non está unha eventual moción de censura, mais si defendeu a necesidade de dar un toque de atención ao goberno local que, segundo dixo, "claudicou fronte ao resto das institucións do seu partido", referíndose tanto ao Goberno central e a Xunta como á Deputación de Ourense.

En nome de Ourense en Común, Martiño Xosé Vázquez, que se abstivo na votación da moción, reprobou de palabra tanto ao goberno como á oposición.

Sociedade