Resolución ben planificada da trama

Resolución ben planificada da trama
26 de Agosto, 2024 - 09:56 h. | Publicada por Radiofusión

Os policías Abad e Barroso protagonizan unha triloxía de novelas. Esta obra pode remitir dun xeito sutil ao crime de Asunta. Prima a intriga e a resolución ben planificada da trama. Antonio Tizón recomenda “Beleza vermella” de Arantza Portabales.

ESCOITA O PODCAST:

Antonio Tizón recomenda a novela de Arantxa Portabales:

https://redefusion-eu.us.stackstaging.com/audio/260824TIZON.mp3
 

Arantxa Portabales no clube de lectura de Radiofusión

Esta novela, Beleza vermella, pode remitir dunha forma sutil e remota ao caso Asunta, pero non ten moito que ver nin con ese crime nin con outros crimes reais, ao estilo do xa falamos aquí, como é o caso de Granito. Porque o estilo de Portabales non se parece en nada ao de Álex Alonso. Para entendernos, está moi máis cerca do modelo Agatha Christie ca do de Truman Capote e outros modelos da novela negra americana, un modelo no que prima a intriga e a resolución da ben planificada trama sobre calquera outra pretensión política, social ou literaria. E esta novela marca o inicio doutra saga policial, a de Abad e Barroso, que coa triloxía publicada ata agora, Beleza vermella (2019), A vida secreta de Úrsula Bas (2021) e O home que matou a Antía Bogarde (2023), sitúa a Arantza Portabales, pola súa vocación de continuidade, como a única escritora representativa da novela negra e policial galega. Porque, por estraño que resulte, todos os demais exemplos de literatura feminina en clave de xénero negro, entre os que cabe citar a Laura Caveiro (Polas inmensas e alleas fortunas, 1995), María Xosé Queizán (Meu pai vaite matar, 2012), Elena Gallego Abad (Sete caveiras, 2014), Ledicia Costas (Infamia, 2019), Rocío Leira (A afogada, 2021), ou Sara Vila (Oito días sen Eva Cortes, (2021), son casos illados e sen vocación de continuidade. Á marxe desta serie policial, a de Abad e Barroso, Arantza Portabales deuse a coñecer en 2015, con Sobrevivindo, Premio de Novela por entregas de La Voz de Galicia. 

 

Na imaxe Arantza Portabales no clube de lectura de Radiofusión, con Antonio Tizón, Tatty Lavandeira e Henrique Sanfiz nos estudios de Ames Radio

Cultura

Publica o teu comentario agora