A reurbanización continúa

A reurbanización continúa
30 de Novembro, 2021 - 08:05 h. | Publicada por Radio Fene

A Xunta de Goberno Local aprobou como un dos asuntos principais da sesión a licitación de catro proxectos de obra pública financiados con cargo ao POS+ 2021. En conxunto suman 477.299,33 euros, IVE incluído, e centraranse na ampliación de servizos básicos ás parroquias de Sillobre e Barallobre, así como na continuación do proceso de reurbanización de San Valentín. O período de recepción de ofertas para estes contratos abrirase en cuestión de días a través da Plataforma de Contratación municipal. O Concello de Fene acurtará os prazos ao mínimo permitido pola lei, co obxectivo de que se acelere no posible o trámite da adxudicación e, en consecuencia, tamén o inicio dos traballos. O executivo local tamén pretende desta maneira que se regularice o calendario de obras para que os proxectos acollidos a plans provinciais se executen dentro do ano de cada convocatoria.

Reurbanización de San Valentín. Fotografía: César Galdo

Son catro os proxectos que en breve sairán a licitaón pública. Un deles, cuantificado en 70.125,11€ -IVE incluído- renovará os servizos soterrados e tamén o pavimento no camiño do Ortel, en Sillobre. Nesa mesma parroquia tamén se executará outro dos paquetes do POS+, concretamente o de ampliación do abastecemento de auga municipal á Calzada, Arriba, O Revolto, o lugar de Covelo e a costa da Lagarteira, cun orzamento de 131.964,54 euros.

 

No caso de Barallobre, o Concello preparou un proxecto que continuará estendendo tanto o saneamento como o abastecemento municipal á zona do camiño dos Loureiros, o Catalán e a Vrea. As obras sairán a contratación en 75.416,07 euros, impostos incluídos.

 

A actuación de maior importe de todas cantas se incluíron no plan provincial -199.794,11 euros- é a referida aos traballos de reurbanización dos espazos que rodean as torres I, II e III de San Valentín, continuando deste modo o plan plurianual de mellora do barrio emprendido polo Concello.

 

As licitacións de menor prezo publicaranse por procedemento súper simplificado, de maneira que as empresas disporán de 10 días para achegar as súas ofertas, mentres que para as de contía máis elevada -os abastecementos en Sillobre e a reurbanización en San Valentín, que superan os 80.000 euros- terán de prazo 20 días. 

 

Tal e como se sinala no acordo da Xunta de Goberno Local da semana pasada, a valoración da Mesa de Contratación atenderá unicamente ao factor prezo, posto que o detalle co que se preparou cada proxecto non deixa lugar a variacións ou melloras en canto á súa execución técnica. Ademais, ao reducirse a avaliación a un só criterio, tamén se busca simplificar o traballo da propia Mesa, no sentido de que poida propor a adxudicación provisional de cada contrato no prazo máis breve posible.

 

O obxectivo municipal é, en último caso, propiciar que a tramitación dos contratos -dentro dos tempos que marca a lei- se traduza tamén nunha redución dos prazos de inicio das obras que evite "retrasos innecesarios como os que se viñeron producindo nos últimos anos en Fene, incrementados pola situación de pandemia", explica o alcalde, Juventino Trigo. 

 

Segundo o rexedor local, a intención do Concello e o compromiso da área de Contratación é "tender a que os programas financiados con fondos provinciais ou de calquera outra administración se liciten e executen acompasados no posible co ano en que se convocan. Tamén fai falla que o calendario de obras vaia axustado ao do orzamento municipal. Queremos evitar que se solapen proxectos de distintas anualidades para facilitar a súa xestión administrativa e sobre todo conseguir que a veciñanza non teña que esperar máis do debido pola execución de obras que son moi necesarias", engade Trigo.

 

Malia que o prezo será o factor determinante na adxudicación deste paquete de contratos de obras, desde o Concello sinálase que, ademais das condicións de solvencia técnica e económica,  en todos eles se incluíron cláusulas sociais e laborais que a empresa adxudicataria deberá cumprir, relacionadas coa contratación de colectivos con dificultade para acceder a un posto de traballo -mulleres, persoas paradas de longa duración ou menores de 30 anos-, coa oferta de formación ao seu cadro de persoal e coa aplicación de medidas que fomenten a igualdade entre mulleres e homes.

Sociedade

Publica o teu comentario agora