A revolución de outubro de 1934 en Ferrol

A revolución de outubro de 1934 en Ferrol

07 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Hoxe, 7 de outubro cúmprense 75 anos duns graves sucesos acaecidos na cidade de Ferrol. Un mestre e un policia faleceron naqueles acontecementos. Falamos da revolución de outubro de 1934, protesta popular das forzas de esquerda contra a entrada de ministros da CEDA no goberno de Lerroux. En toda España convócase unha folga xeral, pero en Asturias e en Ferrol o movemento convírtese nunha insurrección popular. As formacións da esquerda ferrolana pretenden evita

¿Que pasou na comarca de Ferrol en outubro de 1934? Por aquelas datas en todo o Estado as forzas políticas e sindicais de esquerda convocan unha protesta popular contra o goberno das dereitas. Quérese exteriorizar a disconformidade coa entrada de tres ministros da CEDA no goberno Lerroux. Según algúns historiadores en Ferrol a liña radical do PSOE e da UXT gaña a partida, e prepara en realidade unha insurrección popular.

Ferrol é o lugar de Galicia no que a protesta, o levantamento subversivo alcanza maiores proporcións. O sábado 6 de outubro do 34 a primeira hora decláranse en folga os empregados da Constructora Naval. Os tranviarios, a fábrica textil de Xubia e os comercios súmanse á protesta.
Para o historiador Gonzalez Probados, a CNT e a liña radical socialista intentan que a acción de outubro sexa revolucionaria e insurrecional. Ademais parte da preparación da folga realízase con clandestinidade. Según as autoridades, existiu un plan de acción revolucionaria que pretendia tomar o poder local, baixo a dirección dos socialistas Antonio Santamaría e Alfonso Quintana. Gonzalez Probados observa que realmente se constata unha participación do Concello nos acontecementos. As forzas de esquerdas utilizan a violencia, e se detecta coordenación.  O primeiro dia do paro enfrontanse os insurrectos con soldados de Artillería na Rua Galiano, sendo detido o ex concelleiro socialista Tomás Serantes. Tentase facer estalar o transformador situado na Alameda de Suances, cabo da Porta do Arsenal.

Na acción morre o mestre do Seixo e dirixente da UXT Angel Mato Peña, a raiz do tiroteo que se entabla entre os gardas e os asaltantes. A noitiña dese sábado 6 de outubro estouran bombas caseiras en distintos puntos da cidade. Pero os maiores enfrontamentos teñen lugar o domingo. Ese dia declárase o Estado de guerra, e unha batería de Artillería recorre o centro de Ferrol, clausurando os centros obreiros e detendo aos dirixentes do PSOE, da UXT, comunistas e anarquistas.

O luns pola tarde teñen lugar novos choques diante da porta de entrada da Constructora Naval. Houbo feridos nos dous bandos, morrendo ao dia seguinte un axente da autoridade, por mór das feridas recibidas. Según Gonzalez Probados, parece evidente que con todas esas accións se intentou sobrepasar a legalidade.

Na preparación da insurrección, os socialistas intentan paralisar a posible intervención das forzas da Mariña. Neste sentido fanse chamamentos previos na prensa partidaria anterior a outubro do 34. Despois da folga foron xulgados e condenados mariñeiros e suboficiais por participar nos sucesos. Ademais os insurxentes intentan utilizar á Policia municipal de Ferrol no seu favor. Posteriormente destituiráse ao xefe dos axentes Lopez Santalla, e ao alcalde se lle condenará por falla de autoridade. 

O plan revolucionario contaba tamén cunha notoria infraestructura de armas, pólvora e bombas que serán descubertas naqueles dias. En conxunto parece claro que as accións de outubro do 34 representan unha radicalización clara do xeito de facer sindicalismo ou política.

O mércores dia 10 a normalidade retorna á cidade coa incorporación progresiva dos empregados en folga. A insurrección fracasou ao enfrontarse os socialistas coas forzas de seguridade do Estado. A finais do mes de outubro contabilízanse 182 detidos entre os que se atopan senlleiros dirixentes socialistas e cenetistas. Os locais dos sindicatos péchanse por orde gubernativa, os xornais obreiros desparecen e moita xente fuxe.

Na semana seguinte á folga, morre en condicións pouco claras, o preso da CNT Cesar Bazo Chas na prisión do Arsenal. O movemento obreiro ferrolán tardará moitos meses en recuperarse, según Gonzalez Probados. O Goberno destitue dos seus cargos a numerosos concelleiros da comarca. Os dirixentes dos Partidos e sindicatos de esquerda fuxen dos seus domicilios para escapar da represión. Haberá que agardar a mediados de 1935 para que se recompoña o movemento sindical e político na comarca de Ferrol.

Sociedade