Rigulato di Astano

Rigulato di Astano
23 de Marzo, 2021 - 01:01 h. | Publicada por Radio Fene

"Do boi manso, agarda a peor cornada" Foi esta unha das adiviñas no obradoiro Fene na Memoria de hoxe.

ESCOITA O PODCAST:

A ritmo de “Miudiño” da Roda e de “Mañana” de Los Ángeles comezou esta mañá o Obradoiro Fene na Memoria con Ignacio Fontán como convidado. Contounos Fontán como foi a experiencia dos seus compañeiros de Astano en Italia cando foron aló en 1991 para formarse na factura do vidro, cando despois da Reconversión había aquel proxecto de instalar unha fábrica de vidro nos terreos do estaleiro. Aló estiveron os operarios feneses durante varios meses, menos dun ano, formándose. “Todo foi ben en canto ás relacións cos compañeiros italianos e mesmo cos xefes” relata Fontán. Traballaban a turnos de mañá, tarde e noite. O curso aproveitárono ben pero o peor era estar lonxe da familia.

Lembrou tamén Ignacio Fontán os seus anos como porteiro de fútbol, unha longa carreira que se ampliou ata os seus 40 anos. Empezou e acabou no Cultural Maniños pero no medio foi cedido ao Racing de Ferrol onde xogou un ano. Despois está o seu paso polo Bara-llobre, que naquel momento xogaba en Preferente. Pasou tamén polo Meirás onde permaneceu seis anos. Con el ascendeu a Preferente. Con 30 anos volveu ao Maniños. Aínda que se retirou aos 36, quedou como suplente no Cultural ata os 40, facendo o labor de adestrador de porteiros. Nota Fontán os cambios experimentados neste posto. “En 28 anos evolucionou moito, afirma, porque hoxe hai que saber xogar cos pés”. En Maniños chegou a haber un equipo feminino nos anos 80, con moi boas xogadoras, lembra Fontán.

O psicólogo Jaime Lendoiro, coordenador do Obradoiro de memoria, deixou unha tarefa para facer na casa, recuperar os xogos de mesa que retornaron durante o confinamento. Xogar na casa ao parchís, damas, xadrez, Trivial, ao dominó ou ás cartas. Facelos cos conviventes ou atreverse a facelo online.

 

(Na imaxe, Mª Xosé Paz, pedagoga municipal do concello de Fene).

Sociedade

Publica o teu comentario agora