Riveiro Coello presenta a última novela en Pontevedra

Riveiro Coello presenta a última novela en Pontevedra

16 de Xaneiro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

O escritor Antón Riveiro Coello presentará a súa novela 'Laura no deserto' en Pontevedra, este venres 18 de xaneiro, ás 20 horas, na Casa das Campás. Organiza Maio longo, coa colaboración do concello de Pontevedra e editorial Galaxia. Coa intervención de Luís Bará, concelleiro de patrimonio histórico; Carlos Lema, editor (editorial Galaxia) e Antón Riveiro Coello, autor da novela.

Compostela, Barcelona, Europa durante a Segunda Guerra Mundial, Nova York a fins do século XX, son os escenarios dunha obra narrativa que ergue un sólido universo e entra na alma dos personaxes para nos falar cunha voz intensa sobre a identidade, a culpa, o amor ou a liberdade. A nova novela de Riveiro Coello iníciase na primavera de 1982 en Barcelona co achado dunha carta e vai espallando a súa trama por Compostela, Nova York e a Pobra do Caramiñal.

A novela de Antón Riveiro Coello está a colleitar o respaldo unánime de crítica e lectores, como demostra, entre outros galardóns que xa recibiu dende o momento da súa publicación, que neste intre se atopa como finalista do Premio Casino de Santiago, que recoñece as mellores novelas europeas en todas as linguas, ou do Premio Frei Martín Sarmiento que conceden os escolares de toda Galicia ás mellores novelas do ano anterior. "Laura no desero" ven precedida do Premio da Crítica Española 2011 de narrativa en lingua galega e Premio AELG 2012 de narrativa.

Sociedade