Rogos e preguntas

Rogos e preguntas
07 de Xaneiro, 2021 - 08:06 h. | Publicada por Radio Fene

O Partido Popular queixouse da falla de resposta da maioría das 200 preguntas formuladas nas sesións plenarias realizadas pola Corporación de Fene ao longo do ano 2020. A calada por resposta foi a tónica deste goberno, salvo excepcións indicou a concelleira do Partido Popular Rocío Bértoa. A voceira do PP afirmou que esas preguntas estaban sen contestar en contra do que marca a lexislación vixente e anunciou o seu recurso a instancias superiores se continua esa actitude. “As preguntas do pleno debe contestarse no pleno segundo marca o Regulamento de Organización Municipal” reiterou a concelleira popular na sesión plenaria de carácter ordinario celebrada na tarde de hoxe. 

Casa do Concello de Fene

O concelleiro de Facenda Manuel Polo acusou aos populares de mentir, indicando que se contestaran a todas as preguntas, ben verbalmente, ben por escrito. A voceira do BNG Sandra Permui reclamou unha relación por escrito das preguntas non contestadas. Permui indicou que todas as cuestións foran contestadas en pleno ou en comisión. O alcalde Juventino Trigo tamén abundou nesa argumentación, indicando que toda a documentación solicitada por escrito recibiu a correspondente resposta. Noutras ocasións, respóndese en comisión informativa, tal e como se realiza desde hai anos na Corporación local de Fene. 
Rocío Bértoa tamén reclamou a inmediata presentación dun orzamento para o 2021 e demandou axudas directas para a pequena empresa. Anunciou igualmente a petición de comparecencia da concelleira de Educación Angeles Coira. Criticou que se presentara a un posto de traballo convocado conxuntamente polo Concello de Fene con outros municipios da comarca. A concelleira Sandra Permui indicou que Angeles Coira foi convocada polo SEPE para presentarse a esa praza convocada polo concello de Ares. Ao recibir unha convocatoria, unha persoa desempregada ten o deber de acudir, segundo salientou a voceira nacionalista.

Bos desexos
Desexamos un bo ano 2017, indicou a concelleira do Partido Popular Rocío Bértoa. Rectificou o seu erro, provocando sorrisos entre todos os membros da Corporación. Tamén bos desexos para afrontar os tempos que nos esperan, indicou o concelleiro socialista Antón Noceda. Preguntou Noceda polo financiamento da campaña de promoción do Camiño de Santiago. A concelleira de Promoción Económica Ana Basoa explicou que as accións sobre a ruta xacobea van incluídas nunha nova edición do proxecto Fene Mar Vivo. Na quenda do público, un veciño de Perlío reclamou aclaracións sobre a cesión temporal dos terreos na rúa Baixa de Perlío para habilitar un aparcamento. Tamén se referiu aos verquidos detectados desde hai oito anos na rúa da Paz desa parroquia. 

Corrixíronse erros relativos á numeración dunha factura e en torno á cantidade recollida no recoñecemento extraxudicial de créditos do pasado mes de novembro, coa abstención do Partido Popular e os votos favorábeis do BNG, EU e PSOE. Déronse conta das resolucións da alcaldía emitidas desde a anterior sesión plenaria. Sen debate aprobouse a acta da sesión anterior. 

Institucional

Publica o teu comentario agora